– A Alameda Castelao acolleu esta mañá a presentación dos traballos feitos e galego por uns 350 escolares. Poesías, a historia e lendas de Redondela ou os animais mariños foron algúns dos temas que deron a coñecer. Nenos e nenas viviron unha interesante xornada de convivencia e gozaron do concerto de “Pakolas”.
– A III edición das xornadas “Espallar Tinta” encheu hoxe a Alameda Castelao coa rapazada dos CEIP Cedeira, Outeiro das Penas, Alexandre Bóveda, Porto Cabeiro, Reboreda e Ventosela. Mañá será a quenda do resto de centros do municipio. Esta actividade, financiada polo Concello de Redondela, é unha iniciativa do CEIP Cedeira.
A Alameda Castelao acolleu esta mañá a primeira das dúas xornadas da III edición das xornadas “Espallar Tinta”. Uns 350 nenos e nenas dos colexios de Redondela deron a coñecer os traballos literarios que realizaron durante o curso en lingua galega. Xornais, poesías, historias e lendas de Redondela ou investigacións sobre interesantes animais mariños foron algunhas das creacións que se expuxeron ao público. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o concelleiro de Ensino, Iván Villar, déronlle a benvida á rapazada de diferentes cursos dos CEIP Cedeira, Outeiro das Penas, Alexandre Bóveda, Porto Cabeiro, Reboreda e Ventosela.
Estas xornadas serven para dare visibilidade á infancia e a todo aquilo que escriben e queren compartir. Para a alcaldesa Digna Rivas “é moi importante facilitar espazos ao aire libre e abertos ao público onde os nenos e nenas poidan expresarse con seguridade e ensinar o seu traballo”. O concelleiro de Ensino, Iván Valles, salientou tamén a importancia de actividades como esta para favorecer “a convivencia entre o alumnado e profesorado dos diferentes centros, e poder compartir proxectos e experiencias”.
Nenos e nenas viviron unha interesante xornada de convivencia, aprenderon moito e gozaron dun concerto de rock infantil con “Pakolas”. Todos os participantes reciben tamén por parte do Concello unha fermosa caderno serigrafiado co cartel do evento.
Mañá será a quenda dos centros Santa Mariña, San Pedro, Laredo, Igrexa, Quintela, Colexio Vigo e repetirán os CEIP Cedeira e Alexandre Bóveda. Serán preto de 400 os rapaces e rapazas que tomarán a Alameda e gozarán dun novo concerto de Pakolas.
“Espallar Tinta” é unha actividade financiada polo Concello de Redondela que partiu da iniciativa do CEIP Cedeira. A alcaldesa agradeceu o gran traballo deste centro, da súa ANPA, e da profesora Jessica Rodriguez Piñeiro “na organización dun evento desta magnitude”.