A alcaldesa rosaleira recibiu a unha delegación encabezada polo rexedor nigranés para coñecer de primeira man a Oficina da Enerxía, o traballo coas comunidades enerxéticas e a estratexia municipal de sostibilidade
O futuro da enerxía seméntase no Rosal. A transformación sostible que o Goberno municipal leva cinco anos impulsando chamou a atención tamén de Nigrán, que este xoves visitou o concello rosaleiro para coñecer de primeira man os proxectos de transformación enerxética que xa son unha realidade no Rosal.
A alcaldesa rosaleira, Ánxela Fernández Callís, acompañou á delegación composta polo seu alcalde, Juan González, por concelleiros nigraneses e un grupo de veciños e veciñas. A rexedora presentou a folla de ruta municipal en materia de sostibilidade ambiental e transformación ecolóxica, un plan estratéxico que o Goberno local vén desenvolvendo con proxectos pioneiros en diversos ámbitos.
“A nosa aposta non é simbólica, senón real, planificada e valente. Queremos un Rosal que viva mellor, que respire mellor e que lidere a mudanza dende a proximidade”, destacou Fernández Callís, que fixo un percorrido por algúns dos proxectos xa executados, como a peonalización da Praza do Calvario, que reduciu a pegada de carbono e mellorou a convivencia cidadá, ou a transformación do campo de fútbol municipal de A Mata, un dos primeiros campos municipais nos que se eliminou o recheo de caucho en favor de materiais ecolóxicos.
A alcaldesa tamén explicou tamén a transformación progresiva das escolas unitarias en termos de eficiencia enerxética ou a implantación de programas de compostaxe comunitaria, o servizo municipal de préstamo de biotrituradoras, o punto verde para a correcta xestión de restos vexetais ou a xestión da auga.
O punto culminante do encontro foi a visita á Oficina da Enerxía do Rosal, un espazo pioneiro que actúa como motor da transición enerxética local. Desde esta oficina impúlsanse iniciativas de eficiencia enerxética e promóvese o nacemento das primeiras comunidades enerxéticas locais, cun modelo participativo que pon á veciñanza no centro da acción climática. Esta oficina está aberta ao público con atención telefónica de luns a venres de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 18.00 horas e con atención presencial os xoves de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 18.00 horas.
Para o alcalde de Nigrán, Juan González, O Rosal “é un exemplo inspirador do que se pode facer cando hai vontade e compromiso social. Levamos ideas e aprendizaxes que imos estudar con moito interese en Nigrán, especialmente ese enfoque integral da estratexia rosaleira e a implicación activa da súa veciñanza”.
A visita rematou cun espazo de diálogo aberto entre os equipos de ambos concellos, onde se compartiron inquietudes, propostas e a convicción de que o futuro sostible constrúese dende o local, con proxectos reais e coa implicación de todas as persoas.