A unidade móbil da Axencia Galega de Doazón de Sangue estará o vindeiro 8 de xaneiro na rúa Ramón Franco de 16 a 21 h
O Rosal prepárase para facer un pequeno gran xesto que salva vidas tamén este mes de xaneiro e que pode ser o mellor agasallo de Reis. O concello recibe este xoves 8 unha nova visita dunha das unidades móbiles da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), un autobús que estará aberto a todas aquelas persoas que desexen doar e deixar unha vez máis a súa pinga de solidariedade. A unidade móbil estará na rúa Ramón Franco número 4, diante da sucursal de Abanca, e abrirá as súas portas en horario de tarde de 16.00 a 21.00 horas.
Dende ADOS fan un chamamento a doar especialmente a aquelas persoas con sangue A+ e 0-, xa que nestes intres as reservas deste grupo sanguíneo están baixas. As persoas que desexen doar sangue poderán solicitar máis información chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828.
O Nadal é unha das épocas máis complicadas para manter estable a participación das persoas que doan sangue, polo que dende a Axencia están a desenvolver unha campaña especial para acadar as 8.500 doazóns de sangue que precisan os centros sanitarios do 15 de decembro ao 15 de xaneiro para axudar milleiros de doentes.
Para participar neste proceso, que apenas dura 10 minutos, debe terse máis de 18 anos e pesar máis de 50 kg. As persoas doantes deberán ir despois de almorzar se acoden pola mañá ou dúas horas despois de xantar ao mediodía se acoden pola tarde. É imprescindible levar a tarxeta de doazón, o DNI ou un documento similar, ademais de informar ao médico en caso de estar tomando algún medicamento.
Ademais das 10 unidades móbiles que se desprazan cada día, a Axencia Galega mantén abertos sete puntos fixos nos principais hospitais galegos na procura de doazóns de sangue que despois son procesadas e preparadas para atender as necesidades diarias de milleiros de doentes os 365 días do ano. Os hospitais galegos precisan ente 400 e 500 doazóns de sangue cada día, arredor de 10.000 ao mes, para garantir a asistencia a todas as persoas que o necesitan.



