Noa Cabaleiro Ribadulla, do IES n.º 1 da Estrada, co videopoema A xustiza pola man, gañadora da VIIª edición do Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María

adminON
Lectura mínima de 2

Noa Cabaleiro Ribadulla, do IES n.º1 da Estrada, co videopoema A xustiza pola man (https://www.casamuseomanuelmaria.gal/upload/videos/vid_655/83/6.mp4), resultou, na mañá de hoxe, gañadora da VIIª edición do Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María que organiza a Casa-Museo Manuel María. A estudante estradense obtivo un dos dous premios outorgados pola Casa-Museo Manuel María durante o acto que se celebrou en Outeiro de Rei (Lugo) e en que se expuxeron os doce traballos finalistas desta edición, entre os máis de medio centenar presentados por distintos centros educativos de toda Galiza.

O outro premio recaeu nun videopoema Negra sombra, elaborado por un grupo de alumnos do CPR Santiago Apóstol de Narón. Así mesmo, Sofía Regueiro, do IES Monelos da Coruña, obtivo un accésit por Rosas.

O xurado do certame, composto polo realizador Omar Rabuñal Varela, o profesor e guionista, Eduardo Álvarez González, e a profesora e guionista, Anxa G. Refoxo, premiou o videopoema A xustiza pola mande Noa Cabaleiro Ribdulla, “por unha sobresaliente interpretación da protagonista cuns planos que transmiten plenamente a variedade de emocións que transitan o poema. Pola plasticidade das imaxes e un ritmo na montaxe que contribúen moi notablemente a conducir e achegarnos á palabra literaria”.

O concurso de videopoemas que organiza a Casa-Museo Manuel María ten por finalidade potenciar a creatividade artística a través da harmonía entre palabra e imaxe e difundir a obra de Rosalía e Manuel María. Nesta sétima edición que se cerrou no día de hoxe contou con participantes de centros educativos de Lugo, A Estrada, Portas, As Pontes, Miño, A Coruña, Vigo, Compostela, Pontevedra, Ourense, Sarria, Nigrán, Ponteareas, Narón, Ames, Zas, Cotobade, Ordes, Fisterra e O Saviñao.

Comparte este artigo