Este tipo de comportamento é propio dun goberno que non funciona, que vai de sobrado e traballa rotineiramente
Foi en xaneiro de 2020 a primeira vez que o BNG reclamou ao concello a mellora do vial que cruza o Souto de Vea, pedindo non só unha nova capa de rodadura, dado o pésimo estado na que se atopaba, con continuas filtracións de agua e fochancas, senón tamén o pitando dos carrís e as zonas de aparcadoiro público do vial.
A pesar das reclamacións que lle chegaban ao concello por parte do BNG e dos veciños e veciñas, o goberno do PP limitouse desde entón a parchear as fochancas, que, como denunciamos en diversas ocasións, aos 6 meses xa estaban de novo destapadas, quedando outra vez un vial intransitábel.
Pois ben, máis de cinco anos despois desa primeira reclamación do BNG, o goberno municipal do PP vén de rematar unha obra necesaria e moi demandada polos veciños e veciñas do lugar do Souto de Vea, máis non só, xa que ese vial é tránsito habitual de moitos outros condutores e condutoras doutros concellos, que se dirixen a Santiago de Compostela.
Está claro que a cousa non era tan complicada, só facía falta escoitar á veciñanza, que o goberno despachou sempre con displicencia, até que a desfeita fíxose tan insoportábel que ao PP non lle quedou outra que arranxar o vial. Iso si, primeiro colocaron o cartel anunciando a obra e varios meses despois executaron o arranxo. O lóxico sería facelo ao revés.
Lamentamos a lentitude do goberno do PP á hora de responder ás demandas veciñais, así como da nosa propia organización. Non é de recibo tardar máis de cinco anos en atender unha demanda tan evidente e necesaria. Nestas cousas é onde se demostra que hai un goberno que funciona, fronte a outro que vai de sobrado e traballa rotineiramente.



