O programa, no que colabora o Concello de Caldas de Reis, celebrará a súa terceira edición desde o 22 de setembro ao 27 de outubro
Estratexias para mellorar a busca de emprego, preparación de entrevistas de traballo, cursos de manipulación de alimentos ou competencias dixitais son algunhas das cuestións que se abordan nesta formación
O Concello de Caldas de Reis informa de que xa está aberta a convocatoria para unha nova edición do Itinerario de Emprego, unha proposta organizada pola Fundación Mujeres, en colaboración coa propia Administración local. Esta acción está dirixida a mulleres que se atopan en situación de desemprego ou que teñen como meta acadar unha mellora das súas condicións laborais. Logo do éxito que tiveron as dúas convocatorias anteriores, o prazo de inscrición para as futuras sesións está aberto. As persoas interesadas poden realizar as súas inscricións chamándo ao número de teléfono 986530814 ou ao 600355831 (tamén é posible enviar mensaxe vía WhatsApp). Ademais, existe a opción de remitir un correo electrónico á dirección igualdade@caldasdereis.gal.
As formacións, de carácter presencial e gratuíto, darán comezo o vindeiro 22 de setembro e desenvolveranse os martes e venres ata finais de outubro nas dependencias do Centro de Información á Muller (CIM). En concreto, as datas son: 22, 25 e 29 de setembro e 2, 6, 9, 16, 20, 23 e 27 de outubro. O horario será de 9.30 a 13.30 horas. A través do Itinerario de Emprego achegaranse ás persoas inscritas estratexias para mellorar a eficiacia na busca de emprego, de xeito que consigan unha insercción laboral que se axuste mellor ás súas características e formacións. Ademais, o programa inclúe un curso de manipulación de alimentos, sesións para a preparación de entrevistas de traballo e elaboración de Currículum Vitae. As novas tecnoloxías tamén teñen protagonismo neste programa, que inclúe competencias dixitais en materia de emprego.
Con esta colaboración na nova convocatoria do Itinerario de Emprego, o Concello de Caldas de Reis continúa apostando por facilitar a achega de ferramentas útiles para a veciñanza, en materia de mellora da inserción laboral. Actualmente séguense a desenvolver programas, obradoiros ou inciativas como o Plan Integrado de Emprego (PIE), que son propostas que axudan a manter a taxa de paro nuns mínimos históricos no municipio, como está a suceder actualmente, cos mellores rexistros desde antes da crise económica de 2008.

