O Concello de Mos, tralos bos resultados en porcentaxe de inserción nas dez edicións anteriores, vén de recibir con data do 15 de outubro de 2025 a resolución da Consellería de Emprego Comercio e Emigración para a posta en marcha da XI edición do Programa Integrado de Emprego 2025/2026 cunha duración desde outubro de 2025 ata outubro de 2026 e cun obxectivo de inserción do 45 %.
A finalidade deste proxecto é a mellora da ocupabilidade e empleabilidade das 100 persoas participantes, para os que se deseñará un itinerario personalizado polo persoal técnico, no que se establecerá a realización de diversas accións como: sesións de orientación, habilidades sociais, asesoramento para o autoemprego, formación transversal, coaching, así como formación do Catálogo do Servizo Público de Emprego SEPE ( entre outras, operario de almacén, manexo de carretillas elevadoras, atención ao público, limpeza) vinculada cos sectores de actividade con máis demanda no mercado laboral.
Todas as accións do proxecto son gratuítas e os participantes contan cunha bolsa de 10 euros por día de asistencia ás mesmas, así como medidas de conciliación.
Este proxecto te unha dotación orzamentaria da Xunta de Galicia cun importe de 220.000 euros, que corresponden a fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal e cofinanciación polo Concello de Mos cun importe total de 57.065,97 euros.
O perfil das persoas participantes na vindeira edición será o seguinte:
Persoas desempregadas con discapacidade (10); persoas desempregadas en risco de exclusión social, persoas beneficiarias do tramo de inserción da renda de inclusión social de Galicia (10); mulleres desempregadas que acrediten a condición de vítimas de violencia de xénero (10); persoas desempregadas migrantes cunha autorización de residencia temporal por arraigamento socioformativo (10); persoas desempregadas maiores de 52 anos (5); persoas menores de 30 anos desempregadas (20); persoas beneficiarias da renda de inclusión social de Galicia non incluídas no tramo de inserción ( 15); mulleres desempregas (15).
En breve na Axencia de Colocación do Concello de Mos (Avda. Peinador, nº39) iniciarase o proceso de selección das 100 persoas participantes.
Se estás desempregado, en busca activa de emprego e che interesa participar neste proxecto, acude á túa oficina do Servizo Público de Emprego, ou ás instalacións da axencia de Colocación de Mos.