Comezan mañá cun acto de recoñecemento ao médico Darío Álvarez Blázquez
Un total de nove actividades conforman o programa “Mes da Memoria Democrática” promovido polo Concello de Tui que se vai desenvolver dende mañá sábado, 25 de outubro, até o sábado, 29 de novembro.
O programa comeza mañá sábado, ás 12.30 h no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela, cun acto de recoñecemento á figura do médico Darío Álvarez Blázquez promovido pola Irmandade Sanitaria Galega, ISAGA, e a Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística, AFNLG. O acto contará coa presenza do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, do secretario xeral da Lingua, Valentín García Gómez, do presidente da AFNLG, Xoaquín Monteagudo, e da representante da ISAGA, Tamara Méndez. Ao remate terá lugar a descuberta dunha peza escultórica no Paseo da Familia Álvarez Blázquez.
O programa continuará o próximo luns, 27 de outubro, ás 10.45 h no Espazo Sociocultural da r/ Camilo José Cela cun acto organizado pola Asociación Levada Libre que comezará coa proxección do documental “Memorias” realizado por mocidade do IES San Paio no curso 2007-2008, no que reflicten aspectos das realidades sociais, culturais e económicas nas que viven. A continuación terá lugar a conferencia “Cartas de republicanos condenados á morte en Tui e o Baixo Miño” a cargo de Xesús Alonso Montero. Ao acto asistirá alumnado dos institutos tudenses San Paio e Indalecio Pérez Tizón, pero está aberto tamén a todas as persoas interesadas.
O xoves, 30 de outubro, ás 18.30 h, no 89 aniversario do fusilamento dun grupo de tudenses na Alameda, o Concello de Tui promove a colocación dunha placa conmemorativa a unha das vítima deste momento de represión, o doutor Alejo Diz Jurado na fachada do Centro de Saúde de Tui en recoñecemento a este médico que tamén foi alcalde de Tui e que salienta sobre todo pola súa personalidade aínda hoxe lembrada. A continuación terá lugar unha ofrenda floral en lembranza das vítimas da represión no monumento obra de Silverio Rivas na Alameda de Tui. Completa o programa desta xornada a proxección do documental “Unha historia galega. Retratos da represión na Galicia de 1936” de Patrick Seraudy no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela.
O Concello tudense promove tamén a celebración dunha xornada de estudio sobre a memoria democrática que terá lugar o mércores 12 de novembro ás 19.00 h no Espazo sociocultural da rúa Camilo José Cela. A conferencia de apertura estará a cargo do catedrático de historia contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, Lourenzo Fernández Prieto. Posteriormente desenvolvérase unha mesa redonda que contará coa presenza de investigadores como Bieito Alonso, Helena Pousa, Marga do Val, Pepe Cáccamo, etc.
Os xoves 6, 20 e 27 de novembro o Instituto de Estudios Agrarios Mártires de Sobredo promove tres actos que estarán a cargo da xornalista Tereixa Navaza, do médico Martiño Noriega e sobre a “A música en Sobredo”. Completa este programa a homenaxe ao Mártires de Sobredo do CIII aniversario daqueles tráxicos sucesos que terá lugar o sábado 29 de novembro no monumento erguido en Sobredo – Guillarei e que contará coa intervención da cineasta Margarita Ledo Andión.
Para a concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, esta é unha programación aberta e diversa baseada na participación de diversos colectivos da nosa cidade vinculados coa recuperación da memoria democrática e que expresa o compromiso da sociedade tudense e do propio Concello de Tui coa investigación, a lembranza e a dignificación xa dos procesos de afirmación democrática do século XX xa da vítimas do franquismo e represión posterior ao inicio da guerra civil. Este programa inxírese no traballo que o Concello de Tui ven realizando para a declaración de diversos espazos do municipio como “Lugares de memoria democrática”.
Na organización deste programa do Mes da Memoria Democrática o Concello de Tui conta coa colaboración da Asociación Levada Libre, da Comisión pola recuperación da memoria histórica do Baixo Miño – Louriña e do Instituto de Estudo Agrarios Mártires de Sobredo.



