HomePontevedraO CondadoNovo respaldo ao conservatorio municipal Reveriano Soutullo coa compra de instrumentos novos

Novo respaldo ao conservatorio municipal Reveriano Soutullo coa compra de instrumentos novos

- Anuncio -spot_img

O Concello de Ponteareas continúa avanzando na súa aposta polos servizos públicos de calidade e pola posta en valor do Conservatorio Municipal Reveriano Soutullo. Nas últimas semanas, o goberno local vén de dotar ao centro de novos instrumentos e material imprescindible para o correcto desenvolvemento das clases.

Tal e como explica o concelleiro de Ensino, Ricardo González, o Concello investiu preto de 7.000 euros na adquisición dun trombón baixo, un violín e unha guitarra, así como sete banquetas de madeira regulables e dez atrís, co obxectivo de mellorar os recursos didácticos do conservatorio.

O edil lembra ademais que ao longo deste curso escolar se destinaron 130.000 euros á dixitalización do Conservatorio Municipal Reveriano Soutullo, “un investimento imprescindible ante o estado de obsolescencia deste servizo público, tan ligado á historia e ás señas de identidade de Ponteareas”. Na actualidade, no conservatorio cursan estudos musicais 220 alumnas e alumnos.

No marco deste proceso de modernización, o Concello instalou pantallas táctiles, un software integral de xestión académica con comunicación interna, contabilidade, xerador de horarios con intelixencia artificial, así como sistemas de control horario e de ausencias. Ademais, colocáronse paneis interactivos en 24 aulas, pedais bluetooth, trípodes de soporte para tabletas e dispositivos Android para o visionado de partituras.

A actuación completouse coa adquisición de 19 novos equipos informáticos para profesorado e alumnado e coa instalación dun sistema de videoconferencia na sala polivalente. Así mesmo, Ricardo González adianta que nestes días estase a finalizar a fase de implantación das pechaduras dixitais no centro.

Pola súa banda, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, subliña que a aposta do goberno local pola cultura, o ensino e os servizos públicos de calidade “plásmase en feitos como este”. A rexedora reitera que o Concello seguirá avanzando na modernización e na implantación de recursos tecnolóxicos nos servizos públicos, sempre ao servizo da mellora do día a día das veciñas e veciños, como é o caso da domotización dos fogares das persoas maiores que viven soas.

Publicacións Relacionadas