HomePontevedraO CondadoO 25 de maio a Clásica Álvaro Pino sairá e chegará a...

O 25 de maio a Clásica Álvaro Pino sairá e chegará a Ponteareas cun percorrido novo e desafiante para os participantes

- Anuncio -spot_img

O evento cicloturista, con percorridos de 129 e 75 quilómetros, reunirá a ciclistas de toda España

A Clásica Álvaro Pino 2025 que este ano celebra a súa quinta edición prepárase para percorrer as estradas do Condado Paradanta o próximo 25 de maio. A proba, organizada pola Asociación Deportiva Plan C, foi presentada nunha reunión celebrada no Salón de Plenos do Concello de Ponteareas, onde a alcaldesa Nava Castro e o concelleiro de Deportes, Nicolás Rodríguez, analizaron os detalles do evento xunto aos organizadores.

O evento cicloturista, que leva o nome da lenda do ciclismo galego Álvaro Pino, contará con dous percorridos: un longo de 129 quilómetros e outro reducido de 75 quilómetros. Ambos os trazados partirán e finalizarán en Ponteareas, pasando por municipios como Salvaterra de Miño, As Neves, Arbo, A Cañiza, Mondariz, Mondariz Balneario e Pazos de Borbén, e terá máis de 2.500 metros de desnivel acumulado no percorrido longo e 1.400 no curto. O tramo cronometrado para ambos os percorridos da proba dará inicio en Arbo, e os avituallamentos localizaranse na Cañiza, Mondariz Balneario e á chegada en Ponteareas.

Para a alcaldesa e para o concelleiro de Deportes, a Clásica Álvaro Pino vai máis aló do deporte e supón reafirmar unha das principais señas de identidade da vila enchendo, ademais, de vida e celebración as rúas e prazas por onde pasa.  

Nesta edición os portos polos que pasará a marcha serán: A Franqueira (cronometrado para ambos os percorridos), Castro de Troña, Moscoso (Alto de Xunqueiras) e Cillarga desde Padróns. A saída e a chegada serán en Ponteareas, na Praza Bugallal, e contará con tramos neutralizados e algunha subida a velocidade libre, pero tentando reagrupar aos corredores nos dous avituallamentos.

Do mesmo xeito que na pasada edición, na que se incorporou como unha das novidades do evento, a marcha contará, ademais de con diversos convidados como o exciclista profesional Chechu Rubiera, un dos principais gregarios de Lance Armstrong, cun homenaxeado, que este ano será Isidro Araújo, ex ciclista profesional nacido en Ponteareas, que despois da súa traxectoria como ciclista profesional no equipo CLAS traballou como auxiliar no equipo Kelme baixo as directrices de Álvaro Pino cando era director.

A Clásica Álvaro Pino estrea este ano nova camisola e culot que a organización deu a coñecer esta fin de semana a través das súas redes sociais. A camisola sigo sendo da marca Gobik aínda que se melloraron aínda máis as calidades e está inspirada no  do equipo Colchóns CR, o primeiro equipo profesional de Álvaro Pino,  con predominancia das cores vermella e azul, cun deseño moderno e innovador

O día previo á marcha, o sábado 24 de maio, celebrarase a xa clásica Feira do Corredor na que os participantes poderán recoller o seu dorsal, a bolsa do corredor, asistir á charla cos invitados deste ano, e gozar de moitas sorpresas que a organización lles ten preparadas do mesmo xeito que en edicións anteriores.

Os interesados en participar na Clásica Álvaro Pino poderán inscribirse ata o 19 de maio, accedendo á web oficial da proba ou a través das canles habilitadas pola organización. Espérase unha gran participación de ciclistas afeccionados e profesionais, nunha xornada que promete emocións fortes e un gran ambiente deportivo.

A Clásica Álvaro Pino é un referente do cicloturismo en Galicia, non só pola súa esixencia técnica, senón tamén pola beleza das paisaxes que atravesa. O municipio de Arbo prepárase para recibir aos corredores e ofrecerlles unha contorna ideal para o desenvolvemento da proba.

Publicacións Relacionadas