HomePontevedraO CondadoO 96% das persoas participantes sinala que os obradoiros Cultiva A Mente...

O 96% das persoas participantes sinala que os obradoiros Cultiva A Mente do Concello de Ponteareas tiveron un impacto positivo no seu día a día

- Anuncio -spot_img

Os cursos volverán a partir do mes de febreiro do ano 2026

O Concello de Ponteareas clausurou os obradoiros Cultiva A Mente, desenvoltos por AFAGA Alzheimer, un programa de prevención e estimulación cognitiva celebrado nas parroquias de Xinzo e Ponteareas, que pecha cunha avaliación de sobresaínte por parte das persoas participantes.

Segundo os datos recollidos, o 96% das persoas asistentes afirma que o taller tivo un impacto positivo no seu día a día, avalando así a eficacia e a necesidade de continuar con este tipo de iniciativas. A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, adiantou que os obradoiros retomaranse no mes de febreiro de 2026, logo do parón de Nadal, coa vontade de seguir fortalecendo a prevención e o envellecemento activo no municipio.

As cifras falan por si soas: un 96% das persoas participantes declara comprender mellor o proceso de envellecemento e os cambios que se producen no cerebro; esa mesma porcentaxe sinala que a asistencia aos obradoiros lles permitiu expresar experiencias, pensamentos e emocións, así como coñecer e relacionarse con outras persoas. Ademais, o 96% considera que grazas ao programa puido adestrar a mente a través dos exercicios realizados.

A concelleira de Benestar Social, Raquel Plana, explicou que grazas ao convenio entre o Concello de Ponteareas e AFAGA Alzheimer, 36 persoas maiores de 55 anos traballaron semanalmente cun psicólogo, co obxectivo de adquirir un estilo de vida activo e saudable. Entre as metas do programa destacaron ampliar a información sobre o funcionamento do cerebro e dos distintos procesos cognitivos, implementar actividades prácticas de estimulación cognitiva, favorecer unha aprendizaxe continuada, fomentar as emocións positivas e a sociabilidade e xerar espazos de conexión social no contorno para evitar a soidade non desexada.

O programa completouse con actividades paralelas, como rutas de sendeirismo polas parroquias e sesións de musicoterapia, que se sumaron ás clases sobre o funcionamento do cerebro e aos exercicios de memoria e atención, enriquecendo unha proposta integral centrada no benestar físico, emocional e cognitivo das persoas participantes.

Dende o Concello de Ponteareas valórase moi positivamente a acollida de Cultiva A Mente, un exemplo de colaboración institucional e social que contribúe a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a construír unha comunidade máis activa, informada e conectada.

A alcaldesa trasladou que “este é o primeiro paso, o de habituarse a traballar a memoria e a ter unha vida activa e comezamos por estas dúas parroquias nas que contruiremos os dous primeiros centros de día públicos do rural”.

Publicacións Relacionadas