O alcalde agóchase covardemente para non dar a cara pola reforma da Farola

adminON
Lectura mínima de 2

Xoán Reices: “As explicación de Galaicontrol vén confirmar o que xa sabiamos, que quitar a farola da Praza foi unha petición do goberno do PP”.

“Quen ten que dar a cara diante dos veciños e veciñas para explicar o proxecto de reforma da Praza da Farola é o alcalde”, afirma o concelleiro do BNG, Xoán Reices, logo da publicación da rolda de prensa da técnica que deseñou este proxecto.

O concelleiro nacionalista indicou que “a deseñadora explicou o seu deseño e nese sentido desde o BNG non temos nada que engadir; pero vén a confirmar o que todo o mundo sabe, sacar a farola da Praza da Farola responde a uns pregos aprobados polo goberno do PP. É dicir, a empresa Galaicontrol fixo o que lle pediron desde o goberno municipal”.

“Pero quen ten que dar explicacións é o alcalde”, engade Reices, “que se agocha covardemente detrás doutra persoa para non dar a cara diante dos veciños e veciñas por unha reforma que non convence a ninguén, nin sequera aos votantes do PP”. “O alcalde quere unha praza diáfana, libre de obstáculos para montar alí todo tipo de performances, e a farola molesta, e por iso a mandan para unha esquina, en contra do criterio maioritario dos veciños e veciñas, que non queren unha praza sen alma”, afirma o concelleiro do BNG.

Xoán Reices volveu facer un chamamento á participación na mobilización veciñal prevista para este sábado 19, ás 11.30 horas, na Praza da Farola. “É importante que haxa unha resposta contundente dos veciños e veciñas da Estrada, independentemente do que votaran ou voten no seu momento” afirma, “porque isto é un atentando contra a nosa memoria colectiva e contra a nosa tradición e non o podemos deixar pasar. Queremos a Farola no seu sitio!”.

Comparte este artigo