HomeVigoO PorriñoO alcalde Alejandro Lorenzo presenta a A Axenda Urbana e Rural do...

O alcalde Alejandro Lorenzo presenta a A Axenda Urbana e Rural do Porriño no III Foro Urbano de España

- Anuncio -spot_img

 O rexedor participa esta tarde na cidade da Coruña na mesa redonda “As Axendas Urbanas en Galicia” xunto con alcaldes doutras localidades, destacando aposta do Porriño por un desenvolvemento sostible e equilibrado entre o casco urbano e as parroquias, subliñando a importancia de traballar con anticipación para ter proxectos listos e optar con garantías a novas oportunidades de financiamento

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, participa na terceira edición do Foro Urbano de España (FUE), que se celebra hoxe e mañá na cidade da Coruña. O rexedor intervén nunha mesa redonda xunto con alcaldes doutras localidades galegas para compartir experiencias e visións sobre a planificación estratéxica urbana no marco da Axenda Urbana Española (AUE).

Este encontro, promovido polo Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana, converteuse nun espazo de diálogo e intercambio de boas prácticas arredor da urbanización sostible e os grandes retos urbanos e rurais aos que se enfrontan os municipios na actualidade. O foro reúne administracións públicas, entidades do terceiro sector, empresas e representantes da sociedade civil para debater sobre cuestións como o acceso á vivenda, a eficiencia na xestión de recursos, a loita contra o cambio climático, a rexeneración urbana ou a loita contra a despoboación.

Na mesa redonda “As Axendas Urbanas en Galicia”, Alejandro Lorenzo abordará o compromiso do Concello do Porriño coa sustentabilidade, a planificación estratéxica e a mellora da gobernanza local a través da implementación da Axenda Urbana Española. A intervención do alcalde centrarase nos pasos dados pola administración local porriñesa na definición dun modelo de desenvolvemento urbano máis habitable, integrador e resiliente, que sitúe ás persoas no centro das políticas públicas. “Participar neste foro permítenos aprender doutras experiencias, compartir os nosos avances e seguir construíndo, xunto co resto dos municipios, un futuro máis sostible e xusto para O Porriño e para Galicia”, declarou Alejandro Lorenzo antes do seu desprazamento á cidade herculina. O rexedor porriñés presentará o municipio, cunha poboación que xa supera os 20.000 habitantes e cunha forte vocación industrial, con máis de 3,5 millóns de metros cadrados de chan industrial e máis de 2.200 empresas, pero que tamén aposta por zonas verdes, mostra diso é a inversión na adquisición de parcelas, tanto na zona do río Louro como noutros puntos do municipio, para a creación de espazos naturais e de ocio. O alcalde fai fincapé na importancia das parroquias, en que dispoñan dos servizos e infraestruturas básicas como son o saneamento ou o asfaltado de viarios, e na súa conectividade co casco urbano, así como a aposta pola cultura.

Eixos estratéxicos

O rexedor porriñés presenta a Axenda Urbana e Rural do Porriño, expoñendo os cinco eixo estratéxicos:

O Porriño verde, resiliente e integrado; O Porriño conectado, camiñable e accesible; O Porriño produtivo, innovador e competitivo; O Porriño habitable, inclusivo e amable e O Porriño vital, activo e cohesionado.

O plan de acción está orientado a lograr a equidade das dúas áreas urbanas do municipio, reducindo a vulnerabilidade identificada no núcleo de Torneiros. Así mesmo, terá como meta minimizar as barreiras físicas e socioeconómicas existentes e equilibrar o desenvolvemento urbano entre Porriño e Torneiros.

Este plan de acción recolle un total de cinco proxectos tractores ou estratéxicos, orientados a dar resposta aos principais retos identificados: “Torneiros camiñable e inclusivo”, “Torneiros camiñable e inclusivo”,
“Torneiros conectado e vertebrado”, “O Porriño fluvial e resiliente” e “O Porriño activo e cultural”.
O alcalde destaca a importancia de ter os proxectos redactados para que no momento en que, por exemplo, se convocan subvencións estes xa estean listos e así se poida optar a esas axudas con garantías.

Lorenzo conclúe asegurando que “a Axenda Urbana non é un documento técnico máis: é unha folla de ruta para construír o Porriño do futuro, máis verde, máis conectado, máis planificado e máis vivo culturalmente. E ese futuro comeza cunha palabra clave: anticipación. Planificar hoxe para ter mañá un Porriño mellor”, conclúe o alcalde.

Publicacións Relacionadas