Jorge Canda considera que o fallo refrenda a legalidade da prórroga concedida á pasteira ata o 2073 e supón unha tranquilidade para milleiros de familias que vivían en vilo polos seus postos de traballo
O alcalde da Lama, Jorge Canda, amosou a súa satisfación polo fallo emitido polo Tribunal Supremo que estima as alegacións presentadas por ENCE e lle dá validez á prórroga concedida polo goberno de Rajoy para que a pasteira poidera continuar en Pontevedra ata o ano 2073.
Canda considera que esta decisión do Supremo vén a darlle tranquilidade a milleiros de familias que vivían en vilo pendentes do fallo deste tribunal para garantizar a continuidade dos seus postos de traballo.
Para o alcalde da Lama a Xustiza “impuxo o sentido común ante unha decisión da que dependían moitas familias e mesmo o tecido produtivo do sector forestal na provincia de Pontevedra. Agora confírmase que o goberno de Mariano Rajoy actuou en base a dereito e que as decisións que se tomaron para darlle continuidade aos postos de traballo e á actividade fabril en Pontevedra tiñan unha base legal que agora o Supremo confirma”, indicou Canda.
Finalmente, o alcalde da Lama sumouse á ledicia dos traballadores e pequenos e medianos autónomos do sector forestal da comarca de Pontevedra que viven e traballan para ENCE e que veían amenazado o seu futuro e o seu modo de vida. “Agora con esta sentenza positiva volve o sentido común e a tranquilidade a unhas familias que o estaban pasando realmente mal”, dixo Jorge Canda.



