Esta medida favorecerá mellores taxas de reciclaxe e facilitará que a fracción orgánica non siga incrementado o custe económico e ambiental derivado da recollida, transporte e tratamento
O alcalde da Lama, David Carrera, mantivo unha xuntanza de traballo coa directora do cárcere, Teresa Delgado, e o presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez Lino, co fin de levar a cabo a implantación do contedor de lixo marrón para dar servizo ao centro penitenciario lamense.
Neste sentido, a directora do penal da Lama manifestou a súa disposición a “achegar o seu gran” de area á consecución de maiores taxas de reciclaxe a través da implantación da recollida diferenciada da materia orgánica mediante o contedor marrón.
O obxectivo deste encontro era precisamente achegar posturas entre as tres entidades e colaborar para que a reciclaxe da fracción orgánica no centro fose unha realidade, evitando desta forma que os restos de alimentos sigan incrementando o peso e volume do contedor xenérico, co consecuente custo económico e ambiental derivado da recollida, o transporte e o tratamento.
A directora do centro penitenciario, Teresa Delgado, considera que esta pode ser unha magnífica oportunidade para reforzar a sensibilización ecolóxica dos internos e introducir, e mesmo afianzar, na súa vida diaria novos hábitos.
Pola súa banda, o alcalde da Lama, David Carrera, mostrouse convencido de que o centro penitenciario dará un paso importante na protección da contorna e mesmo poderá servir de exemplo a outros centros que queiran achegar o seu gran de area na consecución dun mundo mellor, dentro e fóra. Incidiu tamén en que o bo uso do contedor marrón propiciará que unha menor cantidade de residuos derívense ao contedor xenérico, reducindo custos.
Pola súa banda, Javier Domínguez ofreceu o total apoio de Sogama neste proxecto, comprometéndose a que o seu equipo educativo leve a cabo tarefas de formación orientadas a funcionarios e internos respecto a a aplicación do principio europeo das tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), incidindo na correcta xestión da parte orgánica, xa que supón a maior porcentaxe dos refugallos producidos.
Con máis de 1.000 celas, 17 módulos de diferentes graos e 500 funcionarios, a dirección do centro penitenciario quere que a prisión da Lama, que neste 2025 cumpre 27 anos, evolucione nas súas prestacións e sexa un centro de reinserción social de carácter integral no que o coidado do medio ambiente, e máis concretamente a xestión sostible dos residuos, ocupe un lugar relevante como reforzo de valores tales como o civismo, o respecto, a solidariedade, a empatía, a xenerosidade e o benestar global.