HomePontevedraA LamaO alcalde David Carrera anuncia a súa candidatura á presidencia do PP...

O alcalde David Carrera anuncia a súa candidatura á presidencia do PP no 2º Congreso Local, fixado para o 22 de marzo

- Anuncio -spot_img

-“A miña intención é seguir fortalecendo, renovando e ampliando a base social do noso  partido, que é claramente o preferido polos veciños, e continuar co enorme legado do  inesquecible Jorge Canda”, manifesta 

O alcalde da Lama, David Carrera, vén de anunciar na xornada de hoxe a súa  intención de presentar a súa candidatura á presidencia da agrupación municipal do PP no 2º Congreso Local, que xa está fixado para o próximo 22 de marzo e  no que se elixirá ao substituto do tristemente falecido Jorge Canda. 

O actual rexedor e cabeza visible do PP local vai comezar de inmediato co  proceso previo de recolección de avais entre os militantes da Lama –esíxense  un mínimo de 25– durante os próximos dez díaz para que o Cómite Organizador  do Congreso (COC) valide a súa candidatura e poida concorrer á presidencia do  PP local. 

De superar este trámite, e con independencia de se concorre ou non algunha  outra candidatura, David Carrera ten previsto, segundo o recollido no  regulamento congresual, realizar unha campaña electoral interna para explicarlle  aos integrantes do partido o seu proxecto orgánico e tamén institucional no  ámbito municipal antes de presentar aos integrantes da xunta local, que  conformarán o comité executivo do PP lamense. 

David Carrera, de 52 anos, é diplomado en Relacións Laborais pola Universidade  de Vigo e informático de xestión. Con ampla experiencia na vida política  municipal, foi tenente de alcalde de Jorge Canda desde o ano 2019 e concorreu  xa como cabeza de lista nas eleccións municipais de 2023, obtendo o 55% dos  votos e mantendo unha representación de 7 dos 11 edís da corporación malia a  concorrencia de dúas candidaturas independentes. 

“Agora iniciamos un importante proceso interno e o afronto coa intención de  seguir fortalecendo, renovando e ampliando a base social do noso partido na  Lama, que é claramente o preferido polos veciños, para prepararnos do mellor  xeito posible para as eleccións de 2027 e para continuar co enorme legado que  nos deixou unha figura irrepetible e inesquecible para o pobo da Lama como  Jorge Canda, ao que lle debo todo o que son en política”, manifestou Carrera,  que precisamente aspira a substituír ao fronte do PP da Lama ao ex rexedor,  que o presidía desde o ano 2003. Finalmene, o tamén alcalde amosouse esperanzado en obter a confianza  maioritaria da militancia e convidoume publicamente a todos os membros do PP  da Lama a participar e implicarse neste proceso congresual “para seguir  construíndo un partido forte no que prime a unidade e a coherencia”.

Publicacións Relacionadas