A peza, do s. III d.C. e atopada á venda no 2018 nun anticuario de New York, será presentada aos medios mañá e exporase ao público a partir do mes de febreiro nun salón de plenos musealizado ao respecto
O mosaico, un fragmento dun metro cadrado embutido desde o S.XIX nunha mesa, representa maxistralmente mediante coloridas teselas de mármore a fauna mariña, destacado un colosal peixe de 67 cm
“Coincidindo Fitur coa recuperación para Nigrán desta xoia patrimonial non podíamos presentar outra cosa: estamos ante un fito de relevancia extraordinaria”, explica o alcalde, Juan González
O Concello de Nigrán presentou hoxe en Fitur a súa xoia máis desexada e máis valiosa: o mosaico romano de Panxón, patrimonio municipal desde hai menos dunha semana. A peza do s. III d.C. e atopada á venda no 2018 nun anticuario de New York, será presentada aos medios mañá no consistorio e exporase ao público a partir do mes de febreiro e durante dous meses nun salón de plenos musealizado ao respecto. A partir de aí a Biblioteca Municipal será o seu destino definitivo. “Coincidindo Fitur coa recuperación para Nigrán desta xoia patrimonial non podíamos presentar outra cousa: estamos ante un fito de relevancia extraordinaria”, xustifica o alcalde, Juan González, sobre este pavimento propiedade do Concello desde o sábado 18 de xaneiro, cando se firmou a súa cesión na galería Colnaghi de Madrid. Atrás quedaron 20 anos de exilio. Así o explicou o rexedor no stand de Turespaña, onde o Concello dispuxo de folletos con información ao respecto e unha postal turística coas figuras representadas.
A epopea do mosaico comezou en xaneiro de 2022 na galería Carlton Hobbs de New York, cando embarcou cara a súa sucursal en Londres, onde permaneceu máis dun ano paralizado pola burocracia extra do Brexit e, ao fin, chegase a Madrid o pasado 28 de novembro. Alí, na céntrica galería Colnaghi, entre Sorollas, Zuloagas e un Caravaggio, permaneceu exposto ata que onte emprendese o seu retorno definitivo cara o seu fogar, Nigrán.
“Vivimos días de inmensa felicidade en Nigrán ao telo recuperado e estamos desexando poder presentalo ao público. O valor histórico é incalculable, pasará a ser un emblema co que se identifique en toda España o noso municipio”, considera González sobre esta xoia desaparecida durante case vinte anos tras perdérselle a pista despois dunha poxa pública no ano 2000 na Galería Castellana de Madrid e reaparecer no ano 2018 á venda no catálogo da casa Carlton Hobbs de New York. Desde ese intre, o Concello de Nigrán puxo en marcha o engrenaxe para recuperalo e a partir de 2019 da man de Gonzalo Fernández-Turégano, oriúndo da Ramallosa (Nigrán) e quen constituíu a Asociación para la Repatriacion del Mosaico Romano de Panxón co fin de axilizar os trámites. Así, o Concello de Nigrán achegou a esta entidade 40.000 € dos 58.000 € que custou a súa compra coa condición indispensable de que pasase a formar parte do patrimonio municipal e, como tal, se expuxese nun espazo público da localidade.
A peza, dun metro cadrado e embutido nunha mesa feita no século XIX ao efecto de preservalo, é o único fragmento que se conserva dun mosaico que se sabe moito maior. Este anaco consérvase intacto e representa maxistralmente mediante coloridas teselas de mármore a fauna mariña, destacado un colosal peixe de 67 cm (un muxo) e unha parella de ameixas, untema único nos achados de toda a área metropolitana.
Formaba parte dunha villa romana
Este mosaico foi documentado polo miúdo nos anos 70 polo prestixioso arqueólogo Fernando Acuña Castroviejo, quen no seu artigo “De novo sobre o Mosaico de Panxón e outras novas sobre a Musivaria na Gallaecia” relata a súa importancia e as súas vicisitudes. Así, segundo el mesmo expón, grazas a manuscritos do século XIX entregados por Xosé María Álvarez Blázquez, se sabe que a peza apareceu “en el sitio llamado el Castro” de Panxón pertencendo primeiramente a “Dª Umbelina González Lavandeira, viuda del Sr. De Puga”, quen o tiña “en su casa de campo de la parroquia de S. Juan de Panjón” (os historiadores coinciden en que nesta zona existía unha importante villa no Baixo Imperio Romano, xa que tamén apareceron ánforas, moedas, un ara a Mercurio…). En principio, o fragmento era máis grande, pero como o tiñan pola finca tirado, foron rompéndoselle partes, polo que os donos optaron por usalo para facer unha mesa. O escrito do s. XIX dí así: “… está sirviendo de cubierta de una mesa con el objeto de que no se estropease porque según me dijeron era mayor y como estuviese tirado lo iban destrozando, y para evitar su total desaparición han hecho aquella dándole la forma de cajón embutiendo en ella el mosaico siendo este de un metro cuadrado y 20 cm de espesor…”.
Cara finais do século XIX o mosaico (é decir, a mesa co mosaico) pasa a formar parte da colección Blanco-Cicerón (mediante compra), onde parece que se conserva durante todo o século XX. No ano 2000 aparece para ser subastado na Galería Castellana de Madrid: lote nº 664 “mesa con mosaico romano”, desaparecendo ata o ano 2018, cando reaparece á venda no catálogo da casa Carlton Hobbs e comeza unha súa epopea de regreso a casa que agora chega ao seu ansiado fin.