O alcalde de Nigrán recibe a felicitación da “Asociación Galega de Autocaravanistas”

adminON
Lectura mínima de 3

A entidade, con 800 socios de toda Galicia, é a máis numerosa de España e sitúa a Nigrán como referente ao delimitar as zonas de uso en primeira liña de praia e crear un área de vaciado en Porto do Molle

O alcalde de Nigrán, Juan González, recibíu este mediodía a Cesáreo González, tesoureiro da Asociación Galega de Autocaravanistas (AGA) e quen solicitou esta reunión para transmitirlle persoalmente os seus parabéns polas políticas do municipio ao respecto do sector que representan. A entidade, con 800 socios de toda Galicia, é a máis numerosa de España e sitúa a Nigrán como referente ao delimitar as zonas de uso en primeira liña de praia no ano 2020 e crear este verán un área pública gratuíta de vaciado de augas en Porto do Molle. Por esta razón, solicitou ao rexedor realizar un encontro de caravanistas o vindeiro ano no municipio que sirva como inauguración deste espazo en Porto do Molle, cuestión que o alcalde non dubidou en aceptar.

“O turismo de caravanas medrou exponencialmente e non o podemos obviar, desde o Concello estamos interesados en atraelo dun xeito medioambientalmente sostible e responsable e ofrecendo unha atención de calidade que nos sitúe como destino preferente”, explicoulle o alcalde, Juan González, quen lle amosou persoalmente o punto de vaciado de augas grises e negras en Porto do Molle, funcionando con moita afluencia desde o mes de xullo.

“O espazo de vaciado reúne todo o necesario para os caravanistas e está situado nun sitio perfecto. Estamos moi agradecidos coas políticas levadas adiante polo Concello de Nigrán, a regulación do aparcamento nas praias é un exemplo que deberían tomar outros concellos antes de tratarnos case coma delincuentes e vetarnos, non estamos en contra das regulacións, ao contrario, o que non queremos é que nos rexeiten directamente”, valorou o tesoureiro de AGA.

Ante o auxe deste turismo a raíz da Covid-19, o Concello de Nigrán regulou no ano 2020 o aparcamento de caravanas a pé de praia, destinando 30 prazas para uso exclusivo deste tipo de vehículos en cinco zonas (dúas áreas en Praia América, unha en Panxón, unha en Patos e outra en Cansadoura). Así, as caravanas non poden aparcar fóra das zonas sinalizadas para elas entre as 10:00 a 21:00 horas. Esta especial regulación afecta só as bolsas en primeira liña de praia, “fóra destas zonas poden aparcar libremente nos mesmos lugares en que se lles permite aos coches, polo que esta área de servizo é ideal para estes vehículos, xa que durante o verán as bolsas para elas a pé de praia soen estar ocupadas”, explica o alcalde.

Comparte este artigo