José dos Reis e o seu edil Osvaldo Chantre coñeceron da man de Juan González a Biblioteca, a cociña municipal do CEIP Humberto Juanes, o Mosaico Romano, a Casa do Concello ou a fábrica de cervexas Banda
Os representantes municipais de Tarrafal percorrerán ata o 31 de marzo unha decena de concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para coñecer de preto iniciativas de desenvolvemento local
A visita institucional continúou coa firma no libro de honra, comprometéndose ambos mandatarios a realizar un irmandamento entre ambas localidades
O alcalde de Nigrán, Juan González, recibíu esta mañá ao alcalde de Tarrafal, José dos Reis, e o seu edil, Osvaldo Chantre, no inicio da visita a Galicia de ambos representantes deste municipio caboverdiano. Estes percorrerán ata o 31 de marzo unha decena de concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade co obxectivo de coñecer in-situ diferentes iniciativas de desenvolvemento local. Por esta razón, González amosoulles esta mañá a Biblioteca, a cociña escolar municipal situada no CEIP Humberto Juanes, a fábrica de cervexas Banda no Parque Empresarial Porto do Molle e o parque forestal ‘Os Matos-Río Táboas’. Esta visita a Galicia encádrase no proxecto ‘Apoio ao Desenvolvemento Económico Local do Municipio do Tarrafal’, impulsado polo Fondo Galego que preside o alcalde de Nigrán e cofinanciado pola Agencia Española de Cooperación Internacional al Desarrollo (AECID), a través da Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad.
“Tiven a sorte de visitar Tarrafal o ano pasado e estamos moi orgullosos de que a xefa da brigada forestal municipal, Carla Pérez, participase no 2024 no programa de cooperación técnica Especialistas en Cooperar para identificar as necesidades e potencialidades da zona como punto de partida para unha colaboración a catro anos”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que o Concello de Nigrán achegará 10.000 € para a adquisición dun motor de bombeo e placas solares para posibilitar que 24 familias cultiven alimentos nunha das zonas máis remotas de Tarrafal. Compre destacar neste sentido que o Concello de Nigrán está moi preto de conquerir o compromiso marcado por lei de que as administracións adiquen antes do ano 2030 o 0,7% do seu orzamento a cooperación internacional.
A visita institucional continúou coa firma no libro de honra, comprometéndose ambos mandatarios a realizar un irmandamento entre ambas localidades (sería o primeiro entre un municipio español e Tarrafal). Xa pola tarde acudiron a As Neves xunto ao tesoureiro do Fondo Galego, José Manuel Alfonso, alén de coñecer a produción de mel. Mañá martes estarán nos concellos de Brión e Boiro para visitar hortas, un centro de transformación de conservas vexetais, unha cetárea de mariscos e unha empresa de subministros para a pesca e a acuicultura. O mércores, 26 de marzo, José dos Reis e Osvaldo Chantre presentarán o proxecto de apoio ao desenvolvemento local do Tarrafal na Asemblea Xeral do Fondo Galego, que se celebrará ás 11 horas no Centro Cultural Marcos Valcárcel, exercendo a Deputación de Ourense como anfitrioa. Pola tarde desprazaranse a unha granxa en Pantón, mentres que o venres coñecerán unha cooperativa de horta ecolóxica en Oza-Cesuras. A xornada do venres desenvolverase no Concello da Laracha, con visitas a unha granxa e a unha planta de envasado e mais encontros con asociacións. Os representantes municipais de Cabo Verde irán o sábado a Salceda de Caselas para coñecer unha produtora cárnica e tamén o labor da Asociación Veciñal, Agrícola e Cultural San Tomé de Parderrubias. A axenda pecharase o luns 31 no Concello de Burela, onde se reunirán coa confraría e con armadores, ademais de achegarse ata o barco-museo boniteiro.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 115 concellos e as catro deputacións de Galicia, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego vai cumprir 28 anos tendo apoiado uns 200 proxectos en máis de trinta países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.