Trátase dun coloquio plantexado desde o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade que o rexedor preside e que se está a levar adiante en máis municipios de Galicia
“O que vos quero transmitir é que ninguén abandona África por gusto, os emigrantes marchan coa esperanza de atopar unha vida mellor porque no seu país non é posible, os galegos sabemos o que é isto”, explicou
‘Que raio fai o meu Concello en África??’. Está é a pregunta que o alcalde de Nigrán e presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Juan González, tratou de responder este mediodía ao alumnado de 6º de Primaria do CEIP Humberto Juanes que na asignatura Proxecto Competencial está a traballar sobre o papel das ONG.
Esta cuestión é a que protagoniza un circuito de coloquios plantexados por esta entidade intramunicipal e que levan adiante os diferentes participantes nas misións internacionais. Así, o rexedor xa estivo anteriormente en colexios de Ames ou Milladoiro para relatar a súa experiencia en Guinea-Bissau, Mozambique, Cabo Verde ou no Sáhara, países cos que o Concello de Nigrán mantén unha colaboración directa grazas á intermediación do Fondo.
González explicou ao alumnado como a aportación económica de Nigrán cambiou a vida en poboacións destes países, tal e como el mesmo constatou nas viaxes realizadas. Así, no 2024 o Concello financiou con 20.000 € un proxecto de igualdade destinado ás crianzas do rural en Mozambique; adquiríu por 10.000 € un motor de bombeo e placas solares para posibilitar que 24 familias de Tarrafal (Cabo Verde) cultiven alimentos nunha das zonas máis remotas da illa; e con 30.000 € do remanente de Tesourería construíu unha escola nunha aldea de Guinea-Bissau. A maiores, colabora cos campamentos de refuxiados saharauis en Alxeria financiando desde 2023 o proxecto ‘Nadafa’, grazas ao cal por primeira existe alí un programa de sensibilización ambiental que consiste no reparto folletos informativos entre as familias e cubos de recollida, ademais de construír puntos específicos para o depósito de lixo e ter contratadas a 20 mulleres e 2 condutores para a recollida. Con todas estas achegas directas (todas canalizadas a través do Fondo Galego) o Concello de Nigrán está moi preto de conquerir o compromiso marcado por lei de que as administracións públicas adiquen antes do ano 2030 o 0,7% do seu orzamento a cooperación internacional.
“Estamos moi orgullosos de ser un municipio solidario e de liderar en Galicia esta aposta. Nesta charla o que vos quero transmitir é que ninguén abandona África por gusto, os emigrantes marchan coa esperanza de atopar unha vida mellor porque no seu país non é posible, os galegos sabemos o que é isto porque moitos dos nosos avós emigraron a Sudamérica cando aquí se vivía unha auténtica miseria ”, subliñou o rexedor.



