•Luciano Otero mantén un encontro coa asociación veciñal e Iván Martínez realiza xestións ante a Secretaría Xeral da Lingua
O alcalde do Concello de Pazos de Borbén, Luciano Otero, e o concelleiro Iván mantiveron un encontro coa Asociación de Veciños e Veciñas de Moscoso para abordar o proceso de modificación da denominación oficial da parroquia, no marco da revisión do Nomenclátor de Galicia.
Durante a reunión, o rexedor municipal informa de que foi solicitado un informe completo á Secretaría Xeral da Lingua co obxectivo de coñecer as razóns técnicas, lingüísticas e históricas que motivan a proposta de cambio de Moscoso por Moscoxo. Paralelamente, o concelleiro Iván Martínez está a realizar xestións ante este organismo para interesarse polos criterios empregados nesta proposta.
Desde a Alcaldía sublíñase que o Concello está ao lado da veciñanza de Moscoso, mantendo unha actitude de diálogo e escoita activa, e defendendo os seus intereses ao longo de todo o proceso.
O goberno municipal trasladará á cidadanía toda a información dispoñible en canto se coñezan os detalles do informe solicitado, garantindo transparencia e rigor informativo.



