HomeVigoPazos de BorbénO alcalde de Pazos: “Non se pode xogar coa preocupación da veciñanza...

O alcalde de Pazos: “Non se pode xogar coa preocupación da veciñanza por rédito político”

- Anuncio -spot_img

•Luciano Otero acusa ao PP local e á señora Nogueira de sementar medo coa auga sen base nin datos contrastados. O informe do laboratorio desminte que se consumise auga contaminada, e non consta ningún problema de saúde entre a veciñanza.

Dende o Concello de Pazos de Borbén, o alcalde Luciano Otero quere trasladar unha mensaxe clara de tranquilidade á veciñanza, fronte ao alarmismo promovido polo PP local e pola señora Eloísa Nogueira nos últimos días.

A respecto das declaracións desta última, Otero é rotundo: “Non se estivo a consumir auga contaminada. Iso é unha invención da señora Nogueira, e ás probas me remito: o informe do laboratorio é claro. Onde hai un informe dun laboratorio, sobran as opinións”.

O alcalde fai referencia ás manifestacións recollidas nos medios, onde a señora Nogueira afirmou que “os veciños e veciñas de Moscoso estiveron un mes consumindo auga contaminada”. Unha afirmación que, segundo Otero, é rotundamente falsa, carece de base e busca xerar preocupación innecesaria cun claro interese político.

“O único que pretende esta estratexia é xerar medo e desgaste. Xogan co medo e coa preocupación das persoas, e iso non se pode permitir”, engadiu.

Segundo o informe técnico recibido, a auga era apta para o consumo, aínda que presentaba unha leve perda de calidade respecto da analítica anterior. Non había presenza de E.coli nin doutras bacterias perigosas. Aínda así, o goberno local decidiu aplicar o principio de precaución, informando á veciñanza de que evitase o consumo.
Ata ter confirmación, por parte do laboratorio, que o parámetro alterado non supoñía un risco e a auga era apta para consumo.

“Actuamos con responsabilidade, porque a saúde da nosa veciñanza é a nosa prioridade. A decisión de recomendar non consumir auga foi preventiva, non porque existise un risco real, senón por prudencia mentres agardabamos a confirmación”, indicou Otero.

“Os controis da auga existen precisamente para detectar a tempo calquera posible anomalía e garantir a seguridade do subministro. Non se pode xogar con isto para desgastar politicamente a un goberno que traballa día a día por mellorar Pazos”, engadiu.

Luciano Otero conclúe: “Non todo vale na política. Non consta que ninguén tivera ningún problema de saúde, e pedímoslle á señora Nogueira que rectifique. Co benestar da nosa xente non se xoga.”

Publicacións Relacionadas