HomePontevedraCaldasO alcalde de Portas felicita aos compoñentes do equipo do CPI Domingo...

O alcalde de Portas felicita aos compoñentes do equipo do CPI Domingo Fontán que se proclamou Campión Nacional do Torneo Escolar de Xadrez por Equipos Tic Tac Chess 2025

- Anuncio -spot_img

Revalidaron o título logrado no 2022 cunha superioridade incuestionable con 17 partidas gañadas, unhas táboas e tan só dúas derrotas asegurando o campionato incluso antes da última rolda.

O alcalde de Portas, Ricardo Martínez Chantada felicitou aos alumnos do CPI Domingo Fontán de Portas, dirixidos polo mestre Javier Fernández Costas, que se proclamaron campións nacionais no Torneo Escolar de Xadrez por Equipos TIC TAC CHESS 2025 celebrado o pasado 20 de setembro en Alcalá de Henares (Madrid).

O equipo, formado polos estudantes de Educación Primaria Dani, Elián, Eloi, Evan, Sofía e Cristian, dirixidos polo mestre Javier Fernández Costas, acadou unha actuación memorable tras superar con brillantez as fases clasificatorias e chegar á gran final como representantes de Galicia e así, volveron facer historia no mundo do xadrez escolar ao coroarse campións da cuarta edición do Torneo Nacional de Xadrez Escolar por Equipos TIC TAC CHESS 2025.

A fase previa celebrouse en Vigo o 28 de xuño, onde o conxunto do Domingo Fontán conseguiu o pase directo á final nacional. Xa en Alcalá de Henares, medíronse cos equipos procedentes de Burgos, Alcalá de Henares, Colmenar Viejo, Logroño e Sevilla, todos eles campións nas súas respectivas zonas.

O sistema de xogo do torneo establece enfrontamentos directos a catro taboleiros, con catro xogadores por cada equipo. O CPI Domingo Fontán amosou unha superioridade incuestionable, con 17 partidas gañadas, unhas táboas e tan só dúas derrotas, asegurando o título incluso antes da última rolda. O equipo rematou o campionato cun contundente 4-0 fronte a Colmenar Viejo, poñendo o broche de ouro a unha competición perfecta.

Este éxito cobra aínda máis valor ao tratarse dunha nova xeración de xogadores, que revalidan o título que o colexio xa conquistara en 2022, na primeira edición deste mesmo torneo. “É un orgullo para o noso concello comprobar que o espírito e a paixón polo xadrez seguen vivos e renovados ano tras ano impulsados por mestres moi vocacionais e comprometidos como é o caso de Javier Fernández Costas que non so animan á mocidade a exercitar a mente senón que fainos acadar logros incribles”, sinalou o alcalde Ricardo Martínez.

A organización do torneo correu a cargo da escola nacional Master Chess, que volveu demostrar unha impecable posta en marcha dun evento que fomenta o xadrez entre a mocidade e promove valores de concentración, estratexia e respecto.

Como recoñecemento polo seu triunfo, todos os xogadores recibiron un taboleiro profesional de madeira con pezas e, por suposto, o trofeo de campións, que xa ocupa un lugar destacado na galería de xadrez do colexio.

Con esta nova vitoria, o CPI Domingo Fontán consolídase como un referente no ámbito do xadrez escolar, tanto a nivel autonómico como estatal, reforzando a aposta do centro pola promoción de actividades que enriquecen a formación integral do alumnado.

Publicacións Relacionadas