Este colectivo demanda a modificación do PXOM nesta zona da parroquia de Pazos de Reis
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, reuniuse onte á mañá con representantes da Plataforma Cidadá de afectados polo Su 11 de Tui, logo de que presentasen a solicitude de modificación do planeamento urbanístico neste ámbito. O escrito está acompañado de 14 folios coas sinaturas de 407 veciños e veciñas apoiando o manifesto da plataforma.
En concreto solicitan a modificación puntual do PXOM derogando a zona SU 11 que afecta aos lugares de Porteliña, Cerdeira, Laxes, Ricamonde, e O Anxo na parroquia tudense de Pazos de Reis e na que se atopan 44 parcelas catastrais cunha superficie de 67.664 m2. Na solicitude incorporan tamén a humanización do barrio, a reordenación do tráfico e a apertura de novas vías de entrada ao centro urbano.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, tras escoitar as súas demandas informou a plataforma que solicitarán un orzamento para coñecer o importe que conlevará a redacción desta modificación do PXOM, para poder incorporar a cantidade correspondente no orzamento do próximo ano. O rexedor tudense amosou a súa receptividade á modificación proposta pola veciñanza pero precisou que a decisión final no cambio da normativa urbanística corresponde á Xunta.
A Plafatorma solicitou tamén unha senda peonil nesta zona mantendo o dobre sentido de circulación, pero dando prioridade aos peóns. Sobre este punto o alcalde informou que debe contar cunhas medidas mínimas de ancho, polo que os técnicos municipais comprobarán a viabilidade da solicitude.