Un concello saneado e uns Orzamentos 2026 pensados para reforzar a capacidade de investimento
Novo complexo deportivo, escolas infantís e ampliación do entorno do auditorio entre os proxectos clave
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, presentou hoxe o balance do ano 2025 nun almorzo informativo cos medios de comunicación, no que destacou un exercicio “histórico, marcado polo saneamento das contas municipais, o dinamismo económico e unha clara aposta por mellorar a calidade de vida da veciñanza”.
Un concello saneado e unha xestión económica rigorosa
Un dos principais fitos do ano foi a consolidación da situación económica e financeira do Concello. Lorenzo explicou que 2025 supuxo un punto de inflexión ao acadarse, por primeira vez, saldo cero na conta 413, correspondente ás facturas pendentes de pagamento por gastos realizados fóra de orzamento ou sen contrato algún, xa que as únicas existentes eran de gobernos anteriores.
Neste proceso de saneamento económico, o Concello partía dunha débeda acumulada de 5.496.979,19 euros en decembro de 2021, que se reduciu ata un saldo de 33.680,97 euros a finais de 2024, quedando totalmente liquidada ao longo de 2025. Este resultado foi posible grazas a unha revisión individualizada de centos de facturas, que permitiu a devolución de máis de 2 millóns de euros en facturas irregulares, duplicadas ou sen contrato, así como a obtención de sentenzas xudiciais favorables que evitaron pagamentos indebidos por importe de 853.648,86 euros.
Na actualidade, a única débeda vixente do Concello corresponde a un préstamo estatal por un importe aproximado de 3 millóns de euros destinado ao pagamento de facturas herdadas anteriores a 2022.
Neste contexto, o alcalde avanzou que o Concello está a traballar na elaboración dos Orzamentos Municipais de 2026, unhas contas especialmente relevantes ao elaborarse nun escenario de estabilidade financeira tras o proceso de saneamento. Lorenzo explicou que o actual préstamo procedente do Mecanismo de Pago a Proveedores (MPP) está a limitar a capacidade de investimento municipal, polo que o Goberno local estuda distintas opcións financeiras para reforzar a marxe de actuación económica do Concello e afrontar os vindeiros exercicios con maior axilidade, sempre desde a prudencia e o rigor económico.
Crecemento económico e actividade empresarial
No ámbito económico, o alcalde puxo en valor o peso do Porriño como un dos concellos con maior actividade de Galicia, cun PIB superior aos 1.240 millóns de euros, un crecemento anual do 6,6 % e unha industria que representa máis do 50 % da riqueza xerada. “Estes datos reflicten un Porriño dinámico, con máis de 2.200 empresas, emprego e capacidade para atraer investimento”, sinalou Lorenzo.
Vivenda, urbanismo e transformación das parroquias e barrios
En materia de vivenda, o rexedor destacou o avance do proxecto para a construción de 300 novas vivendas, das cales o 80 % serán protexidas, en colaboración coa Xunta de Galicia, e outras 40 a maiores a través da cesión dunha parcela municipal. A actividade urbanística mantívose tamén nun nivel elevado ao longo de 2025, cun incremento superior ao 10 % no número de licenzas respecto de exercicios anteriores.
Neste contexto, Lorenzo salientou a rexeneración integral de Torneiros, cun investimento próximo aos 2,75 millóns de euros, que permitirá mellorar servizos, accesibilidade, espazos públicos e zonas verdes, transformando de maneira significativa este ámbito do municipio.
Saneamento, servizos e cohesión social
Outro dos eixos fundamentais do balance foi o saneamento, cun investimento acumulado desde 2022 de case 5 millóns de euros e coa creación este ano dunha Concellería específica de Saneamento. “O saneamento deixou de ser unha actuación puntual para converterse nunha política estruturada, con planificación, recursos e atención directa ás parroquias”, afirmou o alcalde.
Lorenzo explicou que, partindo dos máis de 16 millóns de euros inicialmente necesarios, e tendo en conta a actualización de prezos, o xa executado, o que se está a realizar e o pendente de licitar, a inversión que resta para acadar o 100 % do saneamento elévase a 11.899.632,68 euros. Para facer fronte a este reto, o Concello prevé solicitar unha operación de crédito específica que permita completar os investimentos pendentes, traballando tamén en axudas doutras administracións.
“Este goberno local ten claro que o acceso a un saneamento digno é un dereito fundamental, non unha opción. Por iso, investiranse eses case 12 millóns de euros que aínda son necesarios para completar a cobertura en todas as parroquias”, subliñou o rexedor.
No ámbito social, o alcalde destacou o apoio ao tecido asociativo do Porriño, con colaboracións coas asociacións culturais e veciñais, comisións de festas, ANPAS, clubs deportivos, así como co comercio local e a hostalaría. Neste sentido, precisou que o Concello colabora economicamente con todas estas asociacións mediante achegas nominativas anuais que superan os 500.000 euros, garantindo a continuidade e calidade das actividades en cada parroquia.
Emprego e formación
Durante 2025, os programas municipais de emprego e formación permitiron que 384 persoas accederan a polo menos un contrato laboral, incluíndo 92 contratacións directas municipais. Ademais, impartíronse 7.150 horas de formación, realizáronse 1.773 sesións de orientación laboral e acadouse unha taxa de inserción laboral do 82 % no Programa Integrado de Emprego. A Bolsa de Emprego Municipal conta actualmente con 7.130 persoas inscritas, consolidándose como unha ferramenta clave para a intermediación laboral.
Poboación e educación
O balance demográfico confirma unha tendencia positiva: o Porriño pasou de 16.997 habitantes en 2005 a 20.995 en 2024, segundo o Padrón Municipal, cunha poboación composta por un 51 % de mulleres e un 49 % de homes. Ao longo de 2025, rexistráronse 115 nacementos no municipio. “Medrar en poboación e manter datos positivos de natalidade é un reflexo de que o Porriño ofrece oportunidades, servizos e calidade de vida”, sinalou Lorenzo.
O alcalde destacou tamén a evolución da UNED do Porriño, que duplicou matrículas, ampliou a súa oferta académica e consolídase como referente comarcal.
Proxectos estratéxicos para 2026
De cara a 2026, Alejandro Lorenzo avanzou varios proxectos clave que permitirán seguir mellorando os servizos e os espazos públicos do municipio. Entre eles, destacou a apertura das escolas infantís de Budiño e Pontellas, un proxecto estratéxico para a conciliación das familias, e tamén o Centro de Día en Atios.
No ámbito cultural e urbano, o alcalde anunciou a ampliación do entorno do futuro auditorio municipal, cun anfiteatro que contará cun espazo propio de cafetería e restaurante ao aire libre, configurando unha nova área de encontro, lecer e actividade cultural.
No eido deportivo, avanzou o desenvolvemento de novas pistas deportivas infantís e a creación dun novo complexo deportivo nun terreo municipal de arredor de 3.000 metros cadrados, a través dunha cesión dunha urbanización que se está a facer na rúa Antonio Palacios, que levará o nome do adestrador do Celta porriñés Claudio Giráldez, pensado para o deporte base e a mocidade.
O alcalde concluíu sinalando tamén a importancia do apoio doutras administracións, destacando as axudas da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra, especialmente en materia de estradas autonómicas e provinciais, así como na execución de escolas infantís, que resultan fundamentais para facer realidade moitos dos proxectos desenvolvidos ao longo do ano.
“O balance de 2025 e os proxectos previstos para 2026 demostran que o Porriño avanza con paso firme, cun concello saneado, máis actividade económica e unha clara aposta polo futuro”, concluíu Lorenzo.



