● A empresa, con sede central no vCenter de A Granxa, é un referente en desenvolvemento de software empresarial en España e en 25 mercados internacionais, cunha facturación actual de 7,9 millóns de euros e un equipo de 130 empregados
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, visitou hoxe o vCenter, a sede central de Visual MS, un grupo empresarial líder no desenvolvemento de software empresarial, situada no polígono industrial da Granxa. O rexedor continúa na súa rolda de visitas ás empresas do municipio como parte do seu compromiso de manter “unha relación próxima entre a administracion e o tecido empresarial local, promovendo así un intercambio de ideas ao redor da innovación e o crecemento tecnolóxico na vila”.
Lorenzo foi recibido por Vicente del Río, Director de Relacións Institucionais e Administración Pública de Visual MS, e Carlos Pérez, Director Financeiro e de Servizos Centrais, quen o acompañou nun percorrido guiado por todas as instalacións do VCenter. Durante aproximadamente unha hora, Lorenzo tivo a oportunidade de coñecer en profundidade o traballo diario de Visual MS e dos seus empregados, ademais de explorar os diferentes espazos dedicados ao desenvolvemento de proxectos de I+D.
Visual MS, fundado en 1999 nun pequeno ático, creceu ata converterse nun referente da tecnoloxía empresarial en España e en 25 mercados internacionais, cunha facturación actual de 7,9 millóns de euros e un equipo de 130 empregados. A compañía componse de catro divisións especializadas: Visual Trans, para software de transporte internacional; Velneo, enfocada en aplicacións empresariais; Vidiv, unha plataforma de eventos en liña; e o Instituto Tramontana, o seu centro de formación para profesionais dixitais. A través destas liñas de negocio, Visual MS dá soporte a sectores tan diversos como a loxística de buques, a xestión de frotas e a produción en granito, cun enfoque constante na innovación tecnolóxica e o benestar dos seus empregados.
A visita concluíu cunha xuntanza na que os directivos de Visual MS compartiron co alcalde os seus proxectos máis recentes de investigación e desenvolvemento, detallando como a empresa continúa adaptándose e liderando no sector de software empresarial a través da implementación de políticas de benestar, como unha organización sen xerarquías tradicionais, flexibilidade laboral e programas de formación continua. Visual MS foi recoñecido en múltiples ocasións como un dos mellores lugares para traballar, grazas á súa cultura de traballo inclusiva e motivadora.
Alejandro Lorenzo destacou o papel de Visual MS como “un modelo de empresa innovadora e comprometida que contribúe significativamente ao desenvolvemento económico e tecnolóxico de Porriño”, subliñando a súa satisfacción “pola oportunidade de coñecer máis de preto os valores e obxectivos desta empresa pioneira”.