HomePontevedraA LamaO alcalde e os concelleiros de Cultura e Deportes e Igualdade do...

O alcalde e os concelleiros de Cultura e Deportes e Igualdade do concello da Lama presentan un completo programa de Nadal con actividades culturais, familiares e solidarias

- Anuncio -spot_img

Como novidade este ano será a chegada motorizada dos Reis Magos escoltados por Os Lóstregos e unha Batucada Real que adiantarán a súa entrada á Lama ao sábado 3 de xaneiro.

O Concello da Lama vén de presentar oficialmente o seu Programa de Nadal, unha ampla programación que se desenvolverá entre o 19 de decembro e o 5 de xaneiro e que inclúe propostas culturais, educativas, familiares e solidarias dirixidas a todos os públicos, co obxectivo de fomentar a participación cidadá e encher de actividade e ilusión estas datas tan sinaladas.

Na presentación do programa participaron o alcalde da Lama, David Carrera, o concelleiro de Cultura e Deportes, Plácido Pillado Alfaya, e a concelleira de Igualdade e Servizos Sociais, Trinidad Fernández Oubiña, quen destacaron o traballo coordinado das distintas áreas municipais para ofrecer unha programación diversa, equilibrada e accesible para toda a poboación.

O alcalde, David Carrera, sinalou que “o Nadal é un momento especial para compartir, para a convivencia e para reforzar os lazos comunitarios, e desde o Concello quixemos deseñar un programa que chegue a todas as idades e a todos os lugares do municipio, apostando pola cultura, pola infancia e polos valores sociais”.

A programación dará comezo o 19 de decembro cunha entrega de agasallos ao alumnado a cargo da ANPA, en colaboración co Concello da Lama, marcando así o inicio dun Nadal pensado especialmente para os máis pequenos. Ao día seguinte, o 20 de decembro, celebrarase un taller de adornos florais dirixido a toda a familia, con especial atención a nenos, nenas e persoas adultas, que terá lugar no Multiusos da Lama durante a mañá.

As actividades continuarán o 22 de decembro cun obradoiro de cociña, no que se elaborarán galletas de xenxibre, tamén no Multiusos da Lama, promovendo a participación familiar e o ambiente festivo. O 23 de decembro terá lugar unha sesión de contacontos con perspectiva de igualdade, unha actividade educativa e lúdica pensada para transmitir valores desde a infancia.

O 26 de decembro será unha xornada especialmente completa, cunha proposta de teatro para todos os públicos baixo o título “Iguais e diferentes”, durante a mañá, e cunha nova sesión de contacontos na que tamén participará o Grinch pola tarde, ambas no Multiusos da Lama. O 27 de decembro organizarase unha visita a Nadal Xogos en Pontevedra, con saída desde o Concello, ofrecendo unha alternativa de lecer fóra do municipio para a rapazada.

Ao mesmo tempo, o día 27 disputarase o VII Torneo de Fútbol-Tenis no pavillón municipal de deportes da Lama. Os partidos comezarán ás 15:30 horas e haberá tamén sorteos e sorpresas para os participantes.

A programación proseguirá o 29 de decembro cunha nova sesión de contacontos, nesta ocasión coa representación de “As aventuras de Joe & Fonte”, da escritora Aurora Corbacho, e o 30 de decembro cun obradoiro de manualidades, no que se elaborarán figuriñas con papel de xornal, fomentando a creatividade e a reutilización de materiais.

Xa o 2 de xaneiro, desenvolverase o tradicional Percorrido dos Paxes Reais, que visitarán diferentes lugares do concello para a recollida das cartas dirixidas a SS.MM. os Reis Magos, achegando a maxia do Nadal a todas as parroquias da Lama.

O 3 de xaneiro celebrarase a Gran Cabalgata de Reis, acompañada dunha chocolatada e da recepción real no Multiusos da Lama, nun dos actos máis esperados polas familias e onde as Súas Maxestades chegarán en sidecar escoltados pola agrupación de moteiros “Os Lóstregos” así como cunha batucada real.

O programa inclúe tamén unha vertente solidaria coa celebración, o 4 de xaneiro, dun Concerto de Nadal Quilo Solidario, a cargo de Acorde Sons do Verdugo e artistas convidados, que terá lugar no salón de actos do CEIP da Lama e no que se recollerán alimentos para fins sociais, finalizando cunha chocolatada para as persoas asistentes.

O peche da programación será o 5 de xaneiro cunha proposta de teatro musical e familiar, “O Marabilloso Mundo de Oz”, a cargo do grupo de Ponte Caldelas “Os Ilusionistas”, que se representará no Multiusos da Lam, poñendo o broche final a unhas festas pensadas para gozar en familia.

Publicacións Relacionadas