O Goberno de Soutomaior demostra con documentación oficial que foi a Consellería do PP a que incumpriu os prazos da subvención.
O Goberno de Soutomaior amosou o seu abraio por un novo bulo da voceira do PP, Noelia Ocampo, no que acusou ao Goberno local de perder 31.000 € por non executar a totalidade dunha subvención do GALP para celebrar ‘A Recalada’, un encontro do embarcacións tradicionais celebrado o pasado mes de agosto en Arcade.
A este respecto, o alcade de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “o único que demostran esas declaracións é que o Partido Popular está empeñado en evicenciar día tras día o seu desnorte e que non hai ninguén ao volante. Abondaría con que lesen a documentación para decatarse de que a subvención, a pesar de ser aprobada polo GALP, estivo parada na Consellería durante meses por ‘falta de fondos’, negando aos veciños e veciñas de Soutomaior a axuda para este proxecto. Era tan doado como ver os prazos de resolución, que están nas bases da convocatoria, para evitar este novo ridículo do PP”.
Manu Lourenzo sinalou que “o único que fixo o Goberno de Soutomaior e ser prudente, porque a pesar de que había un orzamento inicial de 70.000 euros para a Recalada, a Consellaría incumpriu os prazos e negou a subvención nun primeiro momento. Isto obrigou ao Goberno local a executar con fondos propios o proxecto, polo que o Goberno apostou pola prudencia e reduciu ese orzamento inicial. Foi xa en decembro, meses despois da Recalada, cando despois de que renunciaran varios proxectos a Consellería dixo que si se ía financiar o proxecto, a pesar de que xa levaba varios meses pagada e executada”.
O alcalde de Soutomaior tamén sinalou que “no caso do Concilia estamos igualmente ante un novo bulo. O despropósito chega a tal nivel que Noelia Ocampo propón gastar en actividades unha subvención que só se pode dedicar a contratar persoal. O problema non é que nós digamos que hoxe por hoxe a oposición é unha veleta sen norte, senón que se empeñe en demostralo cada día”.
Neste sentido, Manu Lourenzo concluíu sinalando que “o que lle parece mal ao PP é que a Soutomaior lle vaia ben economicamente e que estes datos veñan refrendados polos informes oficiais de intervención. Sufren cando os datos oficiais demostran que Soutomaior acadou en 5 meses 2,5 millóns de euros de financiamento externo e que vai chegar por primeira vez na súa historia aos 9 millóns de euros de orzamento final”.
“Que a Soutomaior lle vaia ben económicamente é algo bo para toda a veciñanza, votase a quen votase. Pero o PP, ou o que queda del, no canto de querer sumar e remar para mellorar a vida dos veciños e veciñas, enfádase e por iso lanza este tipo de bulos que o deixa nun ridículo que podería evitar simplemente lendo a documentación oficial”, concluíu Lourenzo.