HomePontevedraO alumnado de colexios e institutos aprende sobre afectividade, sexualidade e trastornos...

O alumnado de colexios e institutos aprende sobre afectividade, sexualidade e trastornos alimentarios

- Anuncio -spot_img

– A concellería de Igualdade organiza charlas informativas para o alumnado dos institutos e colexios do municipio. As temáticas abordan cuestións como a afectividade e sexualidade, así como os trastornos da conduta alimentaria que son cada vez máis frecuentes entre nenos, nenas e adolescentes.

-A alcaldesa, Digna Rivas, estivo cos alumnos do IES Illa de San Simón que asistiron á xornada impartida pola educadora social e axente de igualdade Lucía Pereda. Rivas incidiu no riscos que as redes sociais supoñen para a xente nova “polos efectos negativos sobre a súa autoestima, a confianza e a percepción do corpo”.

A concellería de Igualdade organiza charlas informativas para o alumnado dos colexios e institutos do municipio. O obxectivo destas charlas é formar aos rapaces e rapazas en educación afectivo-sexual desde a igualdade. As sesións son interactivas, participativas e dinámicas, favorecendo o intercambio de ideas. A programación inclúe tamén charlas sobre trastornos da conduta alimentaria, que son cada vez máis frecuentes entre nenos, nenas e adolescentes pola imaxe que lles trasladan as redes sociais. A alcaldesa, Digna Rivas, estivo esta mañá con alumnos e alumnas do IES Illa de San Simón que participaron na charla impartida pola educadora social e axente de igualdade Lucía Pereda. Rivas lembroulles que as imaxes que se ven nas redes están “coidadosamente seleccionadas e editadas, non son reais, e iso pode xerar malestar e afectar negativamente á autoestima e provocar graves problemas”. Para a rexedora estas charlas son “fundamentais” para que teñan acceso a información directa da man de profesionais especialistas cos que poder aclarar dúbidas ou inquedanzas.

A redondelá Lucía Pereda explica que “a presión que se vive na rapazada pola hipersexualización que se fai das mozas nos medios, as esixencias aos rapaces de demostrar a súa virilidade, son factores que inflúen directamente na súa autoestima e no seu desenvolvemento”.  Abórdase tamén a influencia das plataformas dixitais na sexualidade “porque se teñen transformado en novos espazos de control e violencia”, sinala Pereda. Por estes motivos desde o Concello de Redondela entenden que este tipo de charlas formativas “son moi necesarias para a mocidade”.

As charlas, que comezaron a pasada semana, prolongaranse durante os meses de novembro, decembro e xaneiro polos diferentes centros de ensino. Trátase dunha actividade moi demandada polos centros e que tivo moito éxito en convocatorias anteriores. A concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, adiantou tamén que dentro da programación do 25N realizarase unha Escola de Familias para pais e nais. Nesta caso a actividade está orientada a dar asesoramento e aclarar dúbidas das familias en temas relacionados coa educación afectivo-sexual na infancia e adolescencia ou o uso das novas tecnoloxías, redes sociais e plataformas dixitais.

Publicacións Relacionadas