HomePontevedraCaldasO alumnado do obradoiro de emprego "xóvenes Moraña, Porta Valga I" finaliza...

O alumnado do obradoiro de emprego “xóvenes Moraña, Porta Valga I” finaliza as súas prácticas do módulo de manexo e mantemento de tractor forestal

- Anuncio -spot_img

O alcalde Ricardo Martínez sinalou que “formacións coma esta, cunha parte práctica tan relevante, permiten saír ao mercado laboral con experiencia real e competencias moi demandadas no sector”.

O alumnado do Obradoiro de Emprego Xóvenes Moraña Portas Valga, promovido polos seus respectivos concellos, completou con éxito as prácticas correspondentes ao módulo formativo “Manexo e mantemento de tractores forestais”, incluído na súa programación formativa.

Durante esta etapa práctica, os participantes da especialidade forestal realizaron sesións de manexo con tractor equipado con brazo lateral hidráulico no contorno da antiga Azucreira de Portas. Esta formación permitiulles adquirir coñecementos prácticos sobre o funcionamento e utilidade desta maquinaria, que destaca pola súa alta eficiencia e velocidade na roza de grandes superficies, así como pola súa capacidade para operar en terreos complexos, con pendentes ou zonas de difícil acceso.

Ademais, constataron a súa precisión no corte controlado, mesmo en proximidade a obstáculos, e a súa versatilidade para traballar con distintos tipos de vexetación, como herba, arbustos ou ramas.

As prácticas foron desenvolvidas baixo a supervisión do docente experto en traballos forestais e contaron coa colaboración do encargado de obras do Concello de Portas, garantindo así a correcta aplicación dos coñecementos teóricos adquiridos ao longo do módulo.

Durante o desenvolvemento destas actividades, o alumnado recibiu a visita do alcalde de Portas, Ricardo Martínez, e da directora do obradoiro, Mª Carmen Vidal, quen destacaron a importancia deste tipo de formación práctica para mellorar a cualificación profesional e favorecer a inserción laboral no sector forestal.

“O traballo que se realiza neste obradoiro é fundamental para ofrecer novas oportunidades aos mozos e mozas da nosa comarca. Formacións coma esta, cunha parte práctica tan relevante, permítenlles saír ao mercado laboral con experiencia real e competencias moi demandadas no sector”, sinalou o alcalde de Portas, Ricardo Martínez.

O Obradoiro de Emprego Xóvenes Moraña Portas Valga iniciou a súa actividade o 14 de novembro de 2024 e ten unha duración total de 12 meses. Esta iniciativa está cofinanciada polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, co obxectivo de impulsar a formación e o emprego xuvenil no ámbito rural.

Publicacións Relacionadas