HomePontevedraCaldasO alumnado do obradoiro de emprego "Xóvenes Moraña, Portas Valga I" participa...

O alumnado do obradoiro de emprego “Xóvenes Moraña, Portas Valga I” participa nunha visita formativa á empressa Extrugasa

- Anuncio -spot_img

Incluíu unha visita guiada polas instalacións da fábrica e unha vertente orientada ao emprego onde os participantes puideron deixar os seus currículos persoais na factoría elaborados no curso.

O alumnado do Obradoiro de Emprego “Xóvenes Moraña Portas Valga I”, promovido polos concellos de Moraña, Portas e Valga, realizou recentemente unha visita formativa ás instalacións da empresa Extrugasa, situada no municipio de Valga, co obxectivo de coñecer de primeira man os procesos produtivos dunha compañía referente no sector da extrusión de aluminio e favorecer así a súa futura inserción laboral.

Durante a xornada, as persoas participantes estiveron acompañadas polo equipo docente das especialidades de forestais e albanelería, así como polo persoal administrativo e a diretora do obradoiro, Mª Carmen Vidal Paz, que coordinaron a actividade formativa.

A visita incluíu un percorrido guiado polas diferentes áreas da empresa, onde o persoal de Extrugasa explicou en detalle as distintas fases do proceso de extrusión do aluminio, desde o tratamento inicial do material ata a súa transformación final para múltiples aplicacións industriais.

Ademais do compoñente formativo, a actividade tivo tamén unha vertente orientada ao emprego e así o alumnado tivo a oportunidade de cubrir a ficha de solicitude de posto de traballo da empresa e de entregar o currículo elaborado no obradoiro, co obxectivo de facilitar o contacto directo entre o tecido empresarial e as persoas participantes no programa.

Desde a dirección do Obradoiro de Emprego, en colaboración cos concellos de Moraña, Portas e Valga, continúase a traballar de forma activa na inserción laboral do alumnado, promovendo encontros con empresas da comarca e difundindo os perfís profesionais formados ao abeiro desta iniciativa.

O Obradoiro de Emprego “Xóvenes Moraña Portas Valga I” deu comezo o 14 de novembro de 2024 e ten unha duración total de 12 meses. Este programa está cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, cuxo obxectivo é mellorar a empregabilidade, a cualificación profesional e as oportunidades de inserción laboral da mocidade galega.

Publicacións Relacionadas