A cativada dos cursos de 3º a 5º de Primaria dos 5 CEIPs de Mos foi instruída por persoal dos GES e Protección Civil na práctica da manobra RCP
A concelleira de Educación Julia Loureiro e o segundo tenente de alcaldesa e edil de Emerxencias, Leo Costas, visitaron ao alumnado de Primaria dos CEIPs de Mos durante a actividade impartida por profesionais dos GES e Protección Civil do Concello de Mos de explicación das manobras de Reanimación Cardio Pulmonar, RCP.
Os representantes municipais, Loureiro e Costas, declararon a este respecto que “dende o Concello de Mos cremos necesario incorporar a aprendizaxe da RCP nas escolas, posto que desta maneira conciénciase á cativada da importancia de saber intervir e reaccionar nunha situación de urxencia que se poida dar no centro educativo”.
A morte súbita cardíaca é un evento polo que o corazón deixa de realizar a súa función de bombeo, presentando a persoa unha perda de coñecemento, parada cardíaca e para respiratoria.
Só en España prodúcense ao redor de 30.000 mortes por parada cardio-respiratoria ó ano, e por iso, é importante que coñézamos este tipo de técnicas. Nestes casos, unha pronta activación dos sistemas de emerxencia sanitaria e o inicio precoz de medidas básicas de urxencia aumentan a supervivencia e diminúen o risco de padecer secuelas graves.
O ideal é iniciar todas esas manobras nos primeiros cinco minutos do evento e por desgraza, non sempre que hai unha parada cardíaca respiratoria temos un médico ou persoa sanitaria ao noso lado, polo que o familiar ou testemuña é o que debe facerse cargo da situación.
Os obxectivos desta iniciativa son formar ó alumnado na actuación ante unha situación de emerxencia e sensibilizar ao alumnado da importancia de coñecer como proceder ante unha emerxencia.
Ademais de explicar as manobras a utilizar nunha RCP os profesionais dos GES e Protección Civil do Concello de Mos explicáronlle tamén ao alumnado outras técnicas e pasos a seguir para ter protección e á vez poder auxiliar a quen o necesite. Na actividade o alumnado despois da teoría puxo en práctica a RCP.

