Abraham Cupeiro, o músico que resucita instrumentos milenarios, deixou pegada no concello, conseguiu emocionar e facer vibrar a todas e todos os que puideron desfrutar da súa música. Pola mañá estivo no CEIP Manuel Padín Truiteiro e no IES Soutomaior, e xa pola tarde, ofreceu o seu directo cun “éxito absoluto” na Igrexa de San Salvador en Soutomaior.
27 de xaneiro, Soutomaior. O Concello de Soutomaior impulsa, a través da área de normalización lingüística, un programa que se desenvolverá ao longo de 2024 no que a lingua galega será o motor de emocións e experiencias que se porán en escena a través dun amplo abano de actividades que farán partícipe á veciñanza dunha travesía inesquecible. Un programa de accións que se levarán a cabo en diferentes contextos educativos, culturais e sociais explorando novos espazos a través do habitar, ser e sentir.
A primeira parada desta longa travesía, foi o concerto dun gran músico galego, Abraham Cupeiro, e que ao longo de todo o venres estivo no concello de Soutomaior para compartir co tecido educativo e coa veciñanza todo o seu talento e bagaxe como investigador e músico.
Abraham Cupeiro chegou a Soutomaior con dous dos seus proxectos. Pola mañá estivo ás 11:00 h. no CEIP Manuel Padín Truiteiro coas alumnas e alumnos de 3º, 4º,5º e 6º de primaria e ás 13:00 h. coas mozas e mozos de 3º da ESO do IES Soutomaior co seu espectáculo Resoando no pasado onde estas e estes estudantes participaron dunha viaxe pola historia, cultura, pola arte, polos instrumentos e, como non, pola música. Puideron descubrir instrumentos milenarios, o “tataravó” do acordeón chegado dende China ou como, simplemente cunha palleta, se pode facer música. Abraham Cupeiro foi quen de manter abraiados aos asistentes á posta en escena do seu proxecto, onde as alumnas e alumnos tiveron a oportunidade de preguntarlle ao artista todas as curiosidades que tiñan en relación a súa música e traxectoria. Deste modo fixéronlle preguntas tales como: cal era o seu instrumento preferido, cando comezou coa investigación nestes instrumentos ou cal é o instrumento máis antigo co que conta…
Xa pola tarde, ás 19:00 h. na Igrexa de San Salvador de Soutomaior, Abraham Cupeiro ofreceu, de balde, o directo do seu proxecto Os sons esquecidos. Unha cita na que estivo acompañado por Sabela Caamaño ao acordeón, de Margarida Mariño no violonchelo, e que contou coa colaboración especial do cantante de música tradicional galega Davide Salvado. Foi un concerto inesquecible do puideron desfrutar máis de 300 persoas, coa Igrexa ateigada e o aforo completo.
Un concerto onde Abraham Cupeiro puxo en escena a súa afirmación “vou amosar como moitas veces os instrumentos merecen dúas ou incluso tres oportunidades”. Un concerto onde deixou patente outra das súas frases “para min a música ten poderes máxicos”. Abraham Cupeiro espallou a maxia da súa música por Soutomaior onde, sen dúbida, deixou pegada.

