HomeTabeirósA EstradaO BNG A Estrada reclama respecto polo patrimonio natural e cuestiona as...

O BNG A Estrada reclama respecto polo patrimonio natural e cuestiona as obras de prevención realizadas polo goberno municipal

- Anuncio -spot_img

O BNG lembra que a defensa medioambiental debe ser a prioridade en calquera actuación pública e advirte dos riscos que as obras de drenaxe e movemento de terras poden supoñer para as zonas húmidas do concello.

O grupo municipal do BNG da Estrada preguntou no pleno para solicitar explicacións ao goberno local sobre as recentes obras de prevención de incendios que, segundo colectivos ecoloxistas están a causar un grave impacto nas brañas e ecosistemas húmidos do municipio.

Dende o BNG lembran que o propio alcalde xustificou estas actuacións alegando que “eran unha demanda veciñal” para facilitar o acceso aos pastos e controlar os lumes forestais. Porén, o Bloque considera que estas intervencións contradín a mensaxe de “vixilancia ambiental” coa que o PP se comprometera cando se debateu a moción sobre Altri, na que o goberno municipal asegurara que se mantería alerta fronte a calquera incumprimento ambiental para defender a legalidade.

“Semella que o PP esqueceu a súa propia máxima de respecto ao patrimonio natural. Non se pode falar de defensa do medio ambiente e, ao tempo, destruír zonas húmidas que actúan como auténticos cortalumes naturais”, sinalan dende o grupo nacionalista.O BNG considera necesario clarificar a actuación do goberno municipal e abrir un debate serio sobre o modelo de prevención de incendios e xestión do territorio. Para iso, formula cinco puntos clave:
    1. Control das plantacións ilegais: É imprescindible erradicar as plantacións ilegais de eucaliptos e limpar a maleza nas proximidades das vivendas. Estes materiais son altamente inflamables e representan un risco evidente.
    2. Mellora das estradas e accesos: A reparación das fochancas en lugares como Liripio é fundamental para garantir a accesibilidade dos vehículos de emerxencia e das persoas que viven nas zonas rurais.
    3. Efectos das obras de drenaxe: As intervencións sen planificación poden deteriorar as brañas, que funcionan como reservorios naturais de auga e cortalumes, incrementando o risco de incendios en épocas de seca.
    4. Defensa dos ecosistemas húmidos: A protección das brañas non é só unha cuestión ecolóxica, senón tamén de lóxica e supervivencia: “Cómpre coidar os recursos hídricos se queremos ter auga nas traídas e resistir mellor ás futuras secas.”
    5. Necesidade de planificación integral: A prevención de incendios debe basearse nunha estratexia global, con diagnóstico técnico, planificación ambiental e participación cidadá.

O BNG da Estrada conclúe preguntando ao goberno municipal: “Que información ten o executivo local sobre estas actuacións? Pensan tomar algunha medida encamiñada a paralizar as obras que poidan estar danando o patrimonio natural do concello?”O grupo nacionalista reafirma que “a defensa do medio ambiente non é un luxo nin unha bandeira política, senón unha obriga de responsabilidade pública” e que continuará a traballar para que a Estrada conte cun modelo de xestión forestal e territorial sostible.

Publicacións Relacionadas