O BNG acusa a PSOE e PP de poñer en risco os recursos da Deputación en Vigo por “cálculos electoralistas”

Redacción

A fronte nacionalista esixe que Abel Caballero e Luisa Sánchez deixen de “xogar co diñeiro público con fines partidistas” e acorden o convenio para 2027

Xabier P. Igrexas: “Non podemos tolerar nin o intento de secuestro dos fondos por parte do PP nin o amago de renuncia polo PSOE”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) acusa a PSOE e PP de poñer en risco os investimentos da Deputación de Pontevedra na cidade de Vigo. A fronte nacionalista tacha de “irresponsabilidade” as disputas continuas entre ambas formacións e esixe que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a vicepresidenta provincial segunda, Luisa Sánchez, acorden de inmediato o convenio para o vindeiro ano 2027.

“Non podemos tolerar nin o intento de secuestro dos fondos por parte do PP nin o amago de renuncia polo PSOE”, advertiu o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, en referencia ao novo intercambio de acusacións dos últimos días entre Caballero e Sánchez.  “Nesa lea permanente quen acaba perdendo sempre son as viguesas e vigueses”, lamentou.

Igrexas reclamou ao rexedor e á vicepresidenta provincial que deixen de “xogar como se fosen seus” cos recursos que a Deputación ten que transferir a Vigo, censurando os “cálculos electoralistas e partidistas” detrás destas confrontacións. “É diñeiro das viguesas e vigueses que debe destinarse a atender as necesidades de infraestruturas e dotacións da cidade”, subliñou.

Incremento dos fondos para Vigo

Dende o Bloque chamaron nese sentido a que os Goberno municipal e provincial traballen “de inmediato” no convenio para o ano 2027. Un acordo que, tal e como demandou a fronte nacionalista no último Pleno provincial, ten que recoller un incremento dos recursos que a Deputación transfire á cidade despois de levar moitos anos conxelados. “Hai que poñer fin ao sen sentido de que concellos de menos de 15.000 habitantes poidan recibir máis recursos que a maior cidade galega”, criticou Igrexas.

O portavoz municipal do BNG convidou a Caballero e Sánchez a facer campaña electoral cos seus propios recursos “sen instrumentalizar” as institucións nas que gobernan. “Que compitan con propostas e con proxectos para a cidade, se é que os teñen, non con disputas infantís que fan que Vigo perda”, remachou.

Comparte este artigo