O BNG acusa a Rueda de “confirmar o abandono” de Vigo cun acto de autobombo sen medidas nin compromisos concretos

Redacción

A fronte nacionalista denuncia que o PP adebeda 881 millóns de euros a Vigo polos investimentos rexeitados pola Xunta só nos últimos seis anos

Reprocha a falla de resposta da Xunta ás necesidades da maior cidade galega en ámbitos como a sanidade pública, a vivenda ou a crise industrial

Xabier P. Igrexas: “Alfonso Rueda, e a súa embaixadora Luísa Sánchez, demostraron que o PP non vai rectificar a política de abandono coa que castigan a Vigo e que non teñen nada que lle ofrecer ás viguesas e vigueses”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo acusou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de “confirmar” coa súa visita á cidade esta fin de semana que o Partido Popular “non ten a máis mínima intención de rectificar a política de abandono coa que leva castigando Vigo desde o ano 2009”.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, cualificou o acto protagonizado este sábado polo líder popular como “un paseo de autobombo”, criticando que “máis alá de propaganda oca e actos performativos” non se anunciase “ningunha medida concreta” para atender as necesidades da maior cidade de Galiza.

“Dicía a presidenta local do PP que o seu obxectivo era mudar o relato, pero o certo é que, para desgraza de Luísa Sánchez, dato mata relato”, afirmou Igrexas, que denunciou que “o Partido Popular o único que amorea son toneladas de ‘non’ a Vigo”. Nese sentido, reprochou á Xunta que “non exerza as súas competencias na cidade”, malia que “as 300 mil viguesas e vigueses son tamén 300 mil galegas e galegos con dereitos e necesidades que o Goberno galego debe atender”.

881 millóns

Igrexas asegurou que os datos “evidencian con rotundidade” o agravio da Xunta do PP coa cidade e cifrou en 881 millóns de euros os investimentos demandados polo BNG a través das emendas presentadas aos orzamentos galegos desde o ano 2020 e rexeitadas reiteradamente polo Partido Popular.

Segundo explicou, só nos orzamentos deste ano 2026 o PP de Luísa Sánchez e Alfonso Rueda “negouse a destinar 260 millóns de euros para Vigo”, entre eles recursos para “reforzar a sanidade pública mediante o rescate do Hospital Álvaro Cunqueiro, a absorción de Povisa, máis medios para Atención Primaria e a creación de dous novos PAC”.

O portavoz nacionalista denunciou tamén a negativa da Xunta a investir “120 millóns para afrontar a crise industrial e apoiar a reindustrialización”, nun contexto no que Vigo “perdeu 4 mil empregos industriais desde 2009 e desapareceu o 20% do tecido empresarial”.

En materia de vivenda, criticou que o PP rexeitase  dedicar “35 millóns para facer fronte á emerxencia habitacional”, mentres “máis de 10 mil persoas continúan rexistradas como demandantes de vivenda protexida”. “Fronte ás necesidades reais da cidade, o PP limítase a facer selfies infinitos anunciando mil veces as mesmas vivendas de Navia”, censurou.

Igrexas engadiu ademais que a Xunta tampouco aceptou destinar máis recursos para novas escolas infantís públicas, atención ás persoas maiores e á dependencia, melloras no ensino público ou investimentos en infraestruturas, cultura, deporte, saneamento, rexeneración da ría e recuperación ambiental dos montes.

O PP non ten nada que ofrecerlle a Vigo

“De nada disto falou Rueda nin a súa embaixadora temporal en Vigo”, reprochou o portavoz do BNG, concluíndo que “o Partido Popular non pode ofrecerlle absolutamente nada ás viguesas e vigueses”.

Con todo, Igrexas ironizou co feito de que o presidente da Xunta escollese Vigo para facer balance da súa xestión. “Hai que agradecerlle o seu bo perder”, afirmou, lembrando que “foi precisamente en Vigo a cidade na que o BNG derrotou ao PP nas últimas eleccións galegas, converténdose na primeira forza política en Vigo”.

O portavoz nacionalista reclamou finalmente ao titular da Xunta que “tome nota da mensaxe contundente emitida nas urnas polas viguesas e vigueses” e rectifique “as súas nefastas políticas contra a cidade”. “Iso si que sería mudar o relato”, remachou.

Comparte este artigo