Xoán Reices denuncia que o PP “deixou morrer” deliberadamente o servizo público para instaurar un sistema de privatización salvaxe onde os empregados non teñen nin dereito a hixiene.
O Bloque Nacionalista Galego da Estrada cargou hoxe duramente contra a xestión do alcalde Gonzalo Louzao en materia de residuos, cualificando a situación actual de “fraude política e laboral”. O portavoz municipal, Xoán Reices, asegurou que a precariedade extrema que sofren os traballadores da recollida do lixo non é un accidente, senón a consecuencia directa dunha estratexia do Partido Popular para desmantelar o público e beneficiar a empresas privadas sen control.
Crónica dunha privatización encuberta e ilegal
Reices foi contundente ao sinalar a orixe do problema: “O goberno do PP deixou morrer conscientemente o servizo público de recollida, que era a garantía dos dereitos laborais e da calidade, para abrir paso á precariedade máis absoluta”.
O BNG denuncia que a empresa GESECO está a operar na Estrada nunha situación de “ilegalidade continuada”. “Esta empresa non gañou ningún concurso público. Está cobrando 776.000 euros neste 2025 a través de contratos asinados totalmente a dedo polo goberno de Louzao”, explicou o portavoz. “Estanlle regalando cartos de todos os estradenses a unha empresa sen pasar polos procesos de licitación obrigatorios, algo, que, por outra parte, amosa a incapacidade deste goberno con maioría absoluta que en cinco anos non foi quen de facer un concurso público, saltando a lei para manter un servizo en precario”.
Dereitos laborais pisados: “Nin onde lavarse”
A consecuencia deste modelo de “contratación a dedo”, segundo o BNG, é a desprotección total do cadro de persoal. “Mentres a empresa factura case un millón de euros grazas ao PP, ten aos traballadores en condicións lamentábeis. É indigno que en pleno 2025, os operarios que recollen o noso lixo non teñan un lugar onde cambiarse, lavarse ou ducharse ao rematar a quenda”, clamou Reices. “O Concello, aínda que non sexa o empregador directo, é o responsábel moral e político de esixir o cumprimento dos dereitos básicos. Pero Louzao prefire mirar para outro lado mentres asina as facturas”.
Aposta pola remunicipalización
Fronte ao modelo do PP de “precariedade e adxudicacións a dedo”, o BNG reafirmou a súa aposta pola xestión pública directa. “O Bloque teno claro: apostamos polos servizos públicos. A recollida do lixo debe ser un servizo xestionado dende o público, porque é a única forma de garantir dereitos laborais dignos, eficiencia económica e un servizo de calidade para a veciñanza”, sentenciou Reices.
O portavoz nacionalista concluíu cunha esixencia clara: “Gonzalo Louzao ten que deixar de actuar á marxe da legalidade cos contratos a dedo e poñer fin á explotación laboral que o seu goberno está a financiar. A Estrada merece un servizo público, transparente e digno, non este negocio chapuceiro a costa da saúde dos traballadores”.



