Participarán o ex secretario xeral da UPG Francisco Rodríguez, a portavoz Marga Caldas e Marina Casas
O BNG celebrará mañá no parque Rosalía de Castro de Poio un acto aberto con militantes e simpatizantes para adiantar a conmemoración do Día da Patria Galega nunha xornada de reivindicación política con participación de distintos representantes nacionalistas baixo o lema ‘Galiza sempre! Unha nación en marcha pola súa soberanía’. Esta xornada das nacionalistas en Poio forma parte da campaña do Bloque en todo o país na que haberá un cento de repartos informativos e ruadas que concluirán, como xa é tradición, na grande manifestación polas rúas de Santiago de Compostela o 25 de xullo.
Dende o BNG de Poio convidan á participación da veciñanza para celebrar “o orgullo de ser galegas e galegos e de reivindicar a construción dun futuro mellor para Galiza”. O acto de mañá xoves no Parque Rosalía de Castro pretende ser unha xornada de convivio interxeracional xa que, ademais, comezará cun contacontos infantil con Bea Campos ás sete da tarde.
Unha hora despois será o momento para os discursos, nos que participarán o ex secretario xeral da UPG –anterior a Néstor Rego-, deputado no Parlamento Galego en 1993 e no Congreso dende 1996 ata 2008, Francisco Rodríguez, a voceira municipal Marga Caldas e Marina Casas. Para finalizar haberá uns petiscos.
Explica Marga Caldas que o Día da Patria é máis que unha data no calendario, senón unha mobilización e unha expresión de vontade do pobo para avanzar cara un marco político no que Galiza poida exercer plenamente os seus dereitos e aplicar políticas propias ao servizo das maiorías sociais. Subliña a nacionalista que, neste ano Castelao, e baixo un lema que homenaxea e recolle o seu legado, o Bloque quere reivindicar a súa figura e o seu pensamento “como guía na defensa dos dereitos nacionais e sociais do pobo galego”.
As integrantes do BNG en Poio, ademais de á participación no acto adiantado de mañá, animan tamén ás veciñas e veciños a participar o 25 de xullo na manifestación de Santiago de Compostela que sairá da Alameda ás 12 do mediodía.