O grupo nacionalista saca á luz o informe de Intervención que reprende ao Concello por irregularidades nun de cada catro expedientes financeiros
Marga Caldas critica que o alcalde anulou o procedemento de contratación que utilizaba o Bloque de maneira exitosa para regular os gastos no anterior mandato
O servizo de Intervención do Concello de Poio advirte: hai debilidades, deficiencias e incumprimentos da normativa por parte do goberno local que teñen que ser corrixidos canto antes. Así o avisa o BNG, que hoxe fixo público o informe dos servizos de fiscalización municipais alertando de que, entre outras cousas, un de cada catro expedientes financeiros do Concello presenta irregularidades e reparos que son desoídos polo alcalde Moldes: a pesares dos avisos de Intervención o alcalde segue adiante cos procedementos levantando os reparos con resolucións propias ou con acordos da maioría absoluta do PP no Pleno.
O informe de Intervención, explica Marga Caldas, “é demoledor e durísimo” en moitos aspectos e supón un “ grave tirón de orellas”. “Reflexa defectos, carencias e vicios que deberían avergoñar a quen os promove. O goberno de Moldes presume dunha boa política económica, pero a evidencia é que a xestión é escura e bordea límites delicados”, subliña a nacionalista, que considera que o grupo do PP é numeroso en concelleiros pero “parece non ter o nivel elemental” para que as contas do concello estean libres de sospeita.
A voceira do Bloque en Poio explica que entre as conclusións do control financeiro realizado por Intervención sobre o ano 2024 destaca que o 25,13% dos informes sobre expedientes realizados polo goberno local teñen carácter desfavorable. En total, emitíronse 52 informes de reparo suspensivos porque o Concello obviou trámites esenciais: ou as obras e servizos se fixeron sen contrato previo ou non había cartos para facer o gasto.
Intervención avisa, explica Caldas, que é necesaria unha maior planificación dos investimentos e non actuar a salto de mata. Advirte que é necesario en todos os casos ter expedientes de gasto ou promover contratacións menores ou licitacións públicas en lugar de saltarse os procedementos tal como se vén facendo no actual mandato de Moldes. De feito, a interventora saca os colores ao goberno do PP ao indicar que “o avance instaurado en anteriores exercicios para instaurar os correspondentes procedementos de contratación (…) eliminouse de cara o Orzamento para o exercicio 2025, entendendo esta Intervención era un procedemento que axudaba a emendar as debilidades expostas”.
Ante esta alerta clara, Marga Caldas subliña que Moldes quere gobernar o Concello de Poio “como se fose o seu ‘cortijo’”. “O BNG tiña un procedemento transparente e claro para facer os contratos. Todos os gastos e servizos de máis de 7.500 euros e os de máis de 20.000 para as obras tiñan que contratarse segundo a normativa de contratos menores. Agora todo é tirar para adiante sen fiscalización e sen garantías legais”, avisa.
Abuso do “ti vai facendo”
Para completar a desfeita, sinala Caldas, dende Intervención tamén se ten detectado que o goberno de Moldes está a realizar obras de maneira fraccionada. Insta o departamento municipal a que “os proxectos se liciten mediante contratos que comprendan a totalidade das actuacións, evitando así a realización de actuacións a maiores das inicialmente contratadas non amparadas pola lexislación vixente”, ademais de que deben contar con prazos de execución realistas para evitar demoras.
Por outra parte, Caldas salienta que Intervención tamén “descubriu” que o goberno de Moldes utiliza de forma recorrente “a fórmula ‘caciquil’ do ti vai facendo”. O servizo de fiscalización ten advertido ao goberno local de Moldes de que “non poden realizarse actuacións adicionais en zonas próximas a obras licitadas unicamente pola conveniencia de que determinadas empresas se atopen na zona executando esas obras, xa que neses casos esas actuacións adicionais carecen de procedemento administrativo de licitación, e na maioría dos casos, de crédito para sufragar os gastos que producen”.