Sanxenxo é o único municipio costeiro de Pontevedra que conta con dous areais, A Carabuxeira e Nanín, que non cumpren cos estandares mínimos establecidos polo Sergas, tal e como figura no Rexistro de Augas de Baño da Consellería de Sanidade
Os nacionalistas denuncian que o Goberno de Telmo Martín non foi quen de obter financiación do GALP para melloras de accesibilidade en Area de Agra, Montalvo e Silgar, sen que o alcalde explicase as razóns polas que a documentación non foi admitida
A día 16 de xuño, coa tempada estival xa comezada, Sanxenxo é o único municipio costeiro da provincia de Pontevedra que conta con dúas praias cuxa calidade da auga non é suficiente para recomendar o baño. Nesta situación atópanse actualmente os areais da Carabuxeira e de Nanín, segundo denuncia o grupo municipal do Bloque Nacionalistas Galego (BNG).
Ambos areais son os únicos das Rías Baixas que, segundo consta no Rexistro de Augas de Baño que elabora a Consellería de Sanidade, figuran na sección III, na que se inclúen as praias con prohibición permanente de baño.
Os nacionalistas lembran que a falta de calidade das augas nestas dúas praias non é unha situación nin moito menos puntual. No caso da Carabuxeira, tal e como se pode consultar no devadito listado, a calidade da auga foi catalogada como insuficente, de xeito sucesivo, durante os anos 2022, 2023 e 2024, algo que tamén sucedeu no caso de Nanín en tempadas anteriores. “O señor Telmo Martín chegou a afirmar que Nanín podería optar a ter bandeira azul e a realidade é que as autoridades sanitarias desacosellan por completo o baño nestes dous areais”, critica o grupo da oposición, que achaca a situación á incapacidade do Goberno municipal do PP de poñer fin aos verquidos de augas que afectan a estas praias. “Ao alcalde gústalle presumir de capacidade de xestión, pero é lamentable que un destino turístico como Sanxenxo sexa o único de toda Galicia que presenta dúas praias nas que as autoridades non recomendan o baño pola pésima calidade da auga”, advirte o voceiro do Bloque, Fran Leiro. No caso da Carabuxeira, estes feitos aíndan agravan más a situación dunha praia que “durante décadas foi un referente para numerosas familias, veciños e veraneantes” e que desde principios de século foi perdendo area de xeito gradual, como consecuencia da construción do espigón do Porto Deportivo. “A praia da Carabuxeira é o exemplo gráfico do que supón para Sanxenxo a política de formigón e cemento de Telmo Martín, denuncia o BNG, que tamén incide en que a día de hoxe neste areal non hai ningún panel informativo que informe sobre a non recomendación de bañarse por mor da calidade da auga, algo que si figura en Nanín.
Perda de subvencións do GALP para melloras nas praias
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego de Sanxenxo tamén pon como exemplo da mala xestión do Goberno local a súa incapacidade para obter unha achega económica do Grupo de Acción Costeira de Pontevedra (GALP). Esta entidade declarou como non admitida unha solicitude enviada polo Concello de Sanxenxo para obter financiación destinada á mellora da accesibilidade nas praias de Area de Agra, Montalvo e Silgar.
Tal e como figura nas bases, só hai tres razóns que contemple o GALP para declarar unha proposta como non admitida: que fose presentada fóra de praza, que a documentación enviada resultase insuficiente ou que a actuación non conte cos requisitos correspondentes. Sobre este feito preguntou no último Pleno o voceiro nacionalista, Fran Leiro, ao alcalde, que se limitou a botar balóns fóra. “O señor Martín chegou a dicir que os expedientes non os montan os políticos. A nós parécenos sorprendente que non se admitise a obtención desta subvención, tendo en conta o moito que lle gusta presumir a Telmo Martín de ser un bo xestor”, ironizou Leiro.
“A realidade é que a incapacidade do Goberno local está a pasar factura a Sanxenxo, que comeza o verán perdendo subvencións para melloras en praias, conta con areais con auga en mala calidade e unha eiva cada vez maior en prazas para estacionar”, conclúe o BNG.