O regulamento que pretende aprobar o PP contempla duras sancións, de ata 3.000 euros, para forzar a solicitude masiva de vados entre a veciñanza
O voceiro nacionalista, Fran Leiro, acusa a Martín de actuar “con nocturnidade”, xa que sacou a exposición pública a documentación en pleno verán para evitar a presentación de alegacións
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo denuncia o afán de recadación e intimidación da nova ordenanza dos vados que o PP de Telmo Martín quere aprobar proximamente, co único fin de “recadar cartos para custear a súa política de cemento”. O borrador establece unha serie de puntos “moi preocupantes”, a xuízo do voceiro nacionalista, Fran Leiro. Un deles corresponde ao apartado de sancións para todas aquelas persoas que dispoñan dunha saída de vehículos á vía pública e non soliciten o vado. “Estamos a falar de sancións moi duras, de ata 3.000 euros, co único propósito de intimidar á cidadanía para que empecen a pagar este imposto.
O único que busca o señor Telmo Martín é baleirar os petos dos veciños e veciñas de Sanxenxo, unha nova medida recadadora que se suma á suba de impostos aprobada hai uns meses e ao incremento do seu soldo e do seu equipo”, critica o edil do BNG.
Os nacionalistas teñen claro que o afán recadador do PP “non ten límites”. Así quedou probado nos últimos meses de 2023, cando numerosos propietarios e propietarias de vivendas con saídas para vehículos á vía pública recibiron unha carta do ORAL, instando ao pago de vados que non tiñan solicitados. Un pago que era con carácter retroactivo dende xaneiro de 2020. “A reacción veciñal e a denuncia pública do BNG fixo recuar ao señor Martín, que agora quere blindar as súas pretensións de recadación con esta normativa sen precedentes”, denuncia Fran Leiro.
O voceiro do BNG tamén carga contra a maneira de proceder do alcalde á hora de tramitar este regulamento. “A exposición pública deste documento fíxose a finais do mes de xullo, en plena tempada estival, polo que a xente non tivo constancia e non puido presentar reclamacións ou apelacións de ningún tipo”, afirma Fran Leiro, que ve nesta manobra “o habitual ‘modus operandi’ do señor Martín”.
O BNG comprométese a seguir impulsando iniciativas e accións encamiñadas a informar á cidadanía sobre este ‘decretazo’ do Partido Popular. Logo da reunión celebrada en Noalla en decembro para abordar este tema, nos vindeiros días terá lugar un novo encontro, cun avogado especializado na materia.

