Tacha de “irresponsábel” a abstención socialista, que permitiu ao PP tombar a moción do Bloque en resposta á “xestión neglixente” da Xunta da pasada vaga de lumes
Xabier P. Igrexas: “Caballero puxo os seus intereses de partido por riba do interese xeral”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) afea que o “sectarismo” do grupo socialista impedise esixir a dimisión do presidente galego, Alfonso Rueda, na sesión do Pleno de Vigo celebrada este venres. A abstención do PSOE permitiu que a moción nacionalista, en resposta á “xestión neglixente” da Xunta de Galiza durante a pasada vaga de lumes, fose tombada polos votos en contra do PP.
“Abel Caballero acabou por desautorizar hoxe en Vigo ao seu propio secretario xeral do PSdeG, que leva días sumándose á petición do BNG de renuncia de Rueda”, denunciou o portavoz municipal do Bloque, Xabier P. Igrexas. “É claro que o único que non lle gostaba ao Partido Socialista da moción é que era do Bloque”, engadiu.
Igrexas cualificou de “exercicio lamentábel de irresponsabilidade política” a abstención socialista. Criticou, a ese respecto, que Abel Caballero volva poñer “os seus curtos intereses de partido por riba do interese xeral”. Unha decisión que, a xuízo do portavoz nacionalista, demostra a “fobia antiBNG” do alcalde de Vigo, a quen acusou de branquear con este voto ao Goberno galego do PP.
Contrapuxo esta actitude do PSOE coas posicións expostas polo Bloque durante a sesión plenaria, na que apoiaron varias iniciativas socialistas malia as “inmensas diferenzas” da fronte nacionalista co Goberno municipal. O grupo municipal do BNG votou a prol de mocións que, argumentan, defendían os intereses da cidade fronte “abandono” da Xunta de Galiza con Vigo.
Entre elas, o BNG apoiou a demanda da integración de CEDRO no Sergas, o alargamento da atención sanitaria nas Cíes ou reclamar a gratuidade dos libros do texto. Do mesmo xeito, trasladaron un voto favorábel contra “decisións erradas” como a exclusión de Vigo como sede dos exames MIR por parte do Goberno español. “É claro que tamén no que ten a ver coa defensa das viguesas e vigueses falan os feitos, duns e doutros”, considerou Igrexas.
Moción do BNG pola dimisión de Rueda
A moción defendida polo BNG no Pleno de Vigo, e vetada polos votos de PSOE e PP, reclamaba a dimisión de Alfonso Rueda pola súa “xestión neglixente” e responsabilidade nas “devastadoras” consecuencias da vaga de lumes que arrasou con 140.000 hectáreas este agosto en Galiza. Unha iniciativa coa que demandaban tamén un cambio estrutural na política forestal e territorial da Xunta de Galiza.
A fronte nacionalista trasladaba nesta moción varias propostas concretas nese obxectivo: a creación dun Fondo de Recuperación Económica, Social e Ambiental Xunta-Estado con axudas directas para as persoas afectadas e para a economía local; a posta en marcha dun Plan de Emprego Verde para restaurar as áreas queimadas e recuperar a biodiversidade; a moratoria inmediata e indefinida a novas plantacións de eucalipto e a aposta por un monte multifuncional; a revitalización socioeconómica do rural como mellor garantía contra os lumes; e un reforzo urxente dos servizos públicos de prevención e extinción: con máis brigadas, medios adecuados e condicións laborais dignas.



