O BNG alerta da desprotección dos humidais da comarca de Pontevedra

adminON
Lectura mínima de 3

Luís Bará, portavoz de medio ambiente no Parlamento galego, reclama  medidas para a protección e conservación de humidais da serra do  Suido, Amil ou O Castrove 

O BNG tramitará no Parlamento unha proposta para a protección da  Xunqueira da Gandarela en Ponte Muiños (Pontevedra) 

Con motivo do Día Internacional dos Humidais, que se celebra  o 2 de febreiro, o BNG fai unha chamada de atención sobre a desprotección e degradación  destes ecosistemas que son fundamentais para a conservación da biodiversidade e a  prevención do cambio climático. 

Luis Bará, portavoz de medio ambiente no Parlamento galego destaca que “os humidais teñen  moita importancia na regulación do ciclo hidrolóxico -polo tanto na prevención de riadas- e na  preservación dos recursos hídricos, un ben esencial para a natureza, para a actividade  económica e para a vida humana. 

Malia o seu alto valor ecolóxico, son ambientes que sofren diversos tipos de ameazas e  agresións por causa de aterros, drenaxes, construción de infraestruturas, instalacións de  equipamentos, polígonos eólicos e monocultivos forestais. 

Alerta sobre a situación dos humidais na comarca de Pontevedra 

O BNG chama a atención sobre o empeoramento da calidade das augas e polo tanto da  biodiversidade e da produtividade dos ríos e das rías, situación que na contorna de Pontevedra  afecta de maneira directa ás rías de Pontevedra e Vigo e tamén aos ríos Umia, Ulla, Lérez ou  Verdugo. 

Mais os ecosistemas húmidos que sofren máis ameazas son as brañas e turbeiras das zonas  montañosas, como é o caso das Brañas de Amil (Moraña), as brañas do monte Castrove (Poio,  Pontevedra e Meis), ou o extraordinario conxunto das turbeiras da Serra do Suido (A Lama,  Fornelos, Covelo e Avión), un ecosistema único no planeta e que tamén se ve ameazado por  diversos proxectos de explotación enerxética e forestal. 

No concello de Pontevedra, o BNG demanda que se protexa e recupere o humidal da Xunqueira  da Gándara, afectado por recheos e actividades que desenvolven as administracións (Xunta e  Goberno Central) que okupan terreos no dominio público marítimo terrestre. 

Páxina 1 

Ademais, o BNG impulsará unha iniciativa no Parlamento para promover a inclusión da  Xunqueira da Gandarela, en Ponte Muiños (Pontevedra) no rexistro de humidais de Galiza.  Trátase dunha zona húmida de grande interese, afectada por diferentes infraestruturas e pola  proliferación de especies invasoras, mais que conserva grandes valores naturais e variedade de  fauna e flora 

Finalmente, o BNG fai un chamamento á sociedade galega para que defenda este valioso  patrimonio colectivo e esixe ao goberno da Xunta, que vaia máis alá de actuación cosméticas e  propagandísticas e leva a cabo un ambicioso plan de conservación, protección e rexeneración  dos humidais galegos.

Comparte este artigo