A fronte nacionalista volve urxir medidas como mobilizar as máis de 22 mil vivendas baleiras, a transferencia dos inmóbeis da Sareb, solicitar a declaración de zona tensionada, un Plan facilitador do alugueiro, alternativas aos desafiuzamentos e frear os pisos turísticos
Critica que a única medida prevista polo Goberno local sexa un Observatorio da Vivenda
Xabier P. Igrexas: “Que máis datos necesita Caballero para actuar ante esta emerxencia?”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) volve alertar da “situación límite” en Vigo con só 400 vivendas dispoñíbeis en alugueiro, das que 9 de cada 10 superan xa os 700 euros mensuais. A fronte nacionalista acusa os Goberno municipal, galego e estatal de “inacción e propaganda” fronte ao que cualifica como unha “emerxencia habitacional por causa dos prezos imposíbeis” para a maioría social.
O portavoz municipal do BNG, Xabier. P. Igrexas, interpelou este martes na Xerencia de Urbanismo sobre estes datos, lamentando que a única resposta da concelleira María José Caride fose trasladar a súa “inquedanza” e asegurar que confía en que, en breve, se poña en marcha o Observatorio da Vivenda xunto coa Universidade de Vigo. “Que máis datos necesitan? En serio que o único que vai facer no inmediato o Concello da maior cidade de Galiza, cun orzamento de máis de 350 millóns de euros, é elaborar estudos?”, afeou.
Igrexas esixiu o Goberno de Abel Caballero que deixe a “política de brazos caídos” ante o maior problema social na cidade, facendo do acceso á vivenda a prioridade política do Concello. Nese sentido, volveu urxir que se executen as medidas aprobadas polo Pleno en marzo de 2024, a través dunha moción do Bloque, para “pasar das palabras aos feitos e dos anuncios ás decisións”.
Alternativas do BNG
Entre elas, o portavoz municipal nacionalista reclamou despregar un “enérxico” Plan local para mobilizar as máis de 22 mil vivendas baleiras que existen en Vigo, esixir a transferencia das vivendas da SAREB para crear un parque público de vivenda protexida e social ou solicitar a declaración de zona tensionada que, segundo os últimos datos, logrou frear o aumento dos prezos na Coruña. Aliás, pediu poñer en marcha un Plan facilitador do alugueiro, garantir alternativas habitacionais a todas as persoas en risco de desafiuzamento e frear “dunha vez por todas o fenómeno ultraespeculativo” dos pisos turísticos, que son hoxe 2.200, cinco veces máis que a oferta para alugueiro residencial.
Falla de resposta de Xunta e Goberno estatal
Dende o BNG cuestionaron tamén a falla de respostas por parte dos Gobernos galego e estatal ante a situación “insoportábel” da vivenda. Por un lado, criticaron os anuncios e fotos da Xunta do PP “semana si e semana tamén” co proxecto de 1.600 vivendas no Plan Parcial de Navia que, advertiron, só vai atender a 3 de cada 4 demandantes de vivenda protexida en Vigo, que son hoxe máis de 7.000 familias, nun 80% de alugueiro social. Sobre a actuación do Goberno de Pedro Sánchez, lamentaron que se anuncien só “medidas propagandísticas que non resolver o problema”, como o programa Casa 47.
Prezos imposíbeis da vivenda en Vigo
A fronte nacionalista alertou de que os prezos da vivenda continúan a incrementar na cidade, superando xa os 700 euros por mes, mentres hai máis de 20.000 persoas con ingresos inferiores aos 625 euros mensuais e o salario medio se sitúa en 22.000 euros brutos por ano. Un incremento que relacionaron coa ampla dispoñibilidade de pisos turísticos e o denominado alugueiro de tempada, vivenda que só se pode utilizar uns meses ao ano, que xa representa máis do 20% da oferta total.



