Marga Caldas considera un “erro estratéxico” descartar a zona para o novo ambulatorio en lugar de desenvolvela como un novo núcleo de centralidade con máis equipamentos e novas insfraestruturas
O Bloque destaca que desde 2023 o alcalde non fixo nin un trámite do Plan Especial nin tampouco xestionou coa AXI as conexións viarias da PO-308
O BNG de Poio vén de alertar de que a inoperancia de Moldes pon en risco o novo centro de saúde da Graña e a mellora dos accesos a Campelo. A voceira Marga Caldas destaca que nos dous últimos anos o alcalde non fixo nin un trámite para aprobar o Plan Especial necesario para desenvolver os terreos nin tampouco xestionou coa AXI as conexións viarias da PO-308 cos terreos da Canteira, a pesar de que en 2023 o anterior goberno deixara todos os trámites preparados. A nacionalista considera “un erro estratéxico” non desenvolver esa zona como un novo núcleo de centralidade no municipio con máis equipamentos e infraestruturas.
A nacionalista fixo estas afirmacións subliñando que foi a propia portavoz de Sanidade do PP no Parlamento, Encarga Amigo, quen “aínda sen querelo” confirmou e deixou en evidencia o “bloqueo” no que Moldes ten sumido o desenvolvemento da parcela de A Graña. Caldas lembra que en 2023 os terreos da canteira, con 40.000 metros cadrados, contaban con todos os parabéns.
Naquel entón, insiste a voceira do Bloque, o solar xa fora posto a disposición da Consellería de Sanidade que, nunha visita con técnicos ao lugar, se comprometera a definir cal ía ser a localización concreta do centro de saúde dentro do solar para facer a segregación e recibir o terreo.
Segundo a nacionalista, o que tiña que facer o alcalde Moldes era ter xestionado e asinado coa Xunta o convenio para o centro de saúde -cuxa redacción estaba iniciada- e coa Axencia Galega de Infraestruturas para impulsar o proxecto dos accesos a Campelo cunha nova rotonda na PO-308, así como tramitado un Plan Especial de Usos. Con todo, pasados dous anos na Alcaldía, lamenta o BNG, Moldes non deu nin un só paso adiante.
Caldas explica que a construción do centro de saúde na Graña non só suporía unha mellora dende o punto de vista sanitario, algo primordial, senón que tamén permitiría crear un novo núcleo de centralizade na zona, sumándolle tamén outros equipamentos como un pavillón ou un auditorio, tal como tiña planeado o Bloque. “Esta zona é estratéxica para o crecemento do concello de Poio, mais agora está convertida nun vertedoiro e o Partido Popular de Poio está deixándoa morrer e deteriorándose non sabemos por que intereses”, advirte.
Coa intervención de onte no Parlamento da ‘popular’ Encarna Amigo, confírmanse as sospeitas que o BNG xa denunciara o pasado mes de setembro, cando activara o modo alerta polos movementos do alcalde Moldes para localizar o novo centro de saúde fóra da canteira da Graña. Xa entón, Caldas manifestaba a súa preocupación por que o novo ambulatorio fose para outra localización e se puxeran en perigo as melloras en Campelo asociadas ao equipamento sanitario.
Caldas explicaba entón que o goberno do PP tiña en marcha varios estudios urbanísticos de viabilidade de diferentes terreos, polo que solicitou a Moldes que aclarase publicamente se esas localizacións estaban a ser valoradas para o centro de saúde. “Tiñamos a sospeita que querían esquecer A Graña e buscar novas localizacións esquecendo Campelo. A resposta de onte confirma que as nosas suposicións ían na liña correcta. Cremos que deixar de lado o proxecto previsto para esa zona é un erro estratéxico moi grande”, advirte a portavoz do BNG.



