A voceira Marga Caldas amosa a súa preocupación porque os terreos estanse a converter nun vertedoiro e perigan os futuros accesos a Campelo asociados ao equipamento sanitario
O BNG de Poio vén de activar o modo alerta. Segundo as nacionalistas, Moldes está a realizar manobras para ubicar o novo centro de saúde fóra da canteira da Graña, a localización escollida polo anterior goberno nacionalista que xa contaba con vía libre. A voceira Marga Caldas subliña que eses terreos estanse a converter nun vertedoiro e manifesta a súa preocupación xa que, de confirmarse que o novo ambulatorio irá para outra localización, a situación vai empeorar e porase en perigo a mellora dos accesos a Campelo que estaban asociados ao equipamento sanitario.
Caldas explica que o goberno do PP ten en marcha varios estudios urbanísticos de viabilidade de diferentes terreos, polo que vai solicitar a Moldes que aclare publicamente se esas localizacións están a ser valoradas para o centro de saúde. Subliña que, no caso de ser así, “daranse pasos atrás” na tramitación do novo ambulatorio, xa que co BNG na Alcaldía existían informes do persoal técnico municipal que ratificaban que a Canteira da Graña, con 40.000 metros cadrados, contaba con todos os parabéns.
De feito, lembra Caldas, o solar xa fora posto a disposición da Consellería de Sanidade que, nunha visita con técnicos ao lugar, se comprometera a definir cal ía ser a localización concreta do centro de saúde dentro do solar para facer a segregación, recibir o terreo e tramitar despois dende o Concello o Plan de Usos.
Caldas explica que a construción do centro de saúde na Graña permitiría crear un novo núcleo de centralizade na zona, sumándolle tamén outros equipamentos como un pavillón ou un auditorio, tal como tiña planeado o Bloque. “Esta zona é estratéxica para o crecemento do concello de Poio, mais agora está convertida nun vertedoiro sen que o Partido Popular faga nada para frear o seu deterioro”, advirte.
Segundo a nacionalista, “o único que tiña que facer” o alcalde era asinar un convenio coa Xunta e a Axencia Galega de Infraestruturas para impulsar o proxecto do centro de saúde e dos accesos a Campelo cunha nova rotonda na PO-308. Con todo, pasados dous anos na Alcaldía, lamenta o BNG, Moldes non ten dado pasos adiante para a construción do novo centro de saúde nin informa de cal é a súa folla de ruta.
“O PP non ten moito interese en desenvolver as infraestruturas e equipamentos que necesitan o concello nin tampouco en dar resposta ás necesidades sanitarias das veciñas e os veciños. Hai unha total falta de iniciativa e unha moi mala xestión por parte do goberno local que ademais se suma á carencia de médicos que sufrimos pola mala organización do Sergas”, finaliza Caldas.º



