A fronte nacionalista tacha de “parche insuficiente” o programa de servizos voluntarios aprobado polo Goberno municipal en agosto e pide acceso aos rexistros diarios
Xabier P. Igrexas: “Vigo sen bombeiros non é segura, polo que esiximos medidas estruturais e de fondo que doten este servizo vital do persoal necesario”
O Bloque Nacionalista Galego alerta de que o Goberno de Abel Caballero continúa sen garantir o mínimo de 20 bombeiros en activo por xornada en Vigo. A fronte nacionalista tacha de “parche insuficiente” o programa de servizos voluntarios fóra da xornada laboral aprobado polo Goberno municipal o 27 de agosto que, tal e como advertira o BNG, non resolveu a falla estrutural de persoal neste servizo vital.
“Esta situación provoca o peche intermitente do parque de bombeiros de Coruxo, deixando desprotexida media cidade e alargando perigosamente os tempos de resposta diante de eventuais emerxencias”, lamentou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen asegurou que estes riscos afectan tamén aos propios bombeiros que “se ven obrigados a intervir en condicións precarias sen os medios necesarios”.
Por este motivo, e diante da “opacidade” do Goberno local que segue sen responder ás interpelacións nacionalistas sobre este asunto na Comisión Informativa de Seguridade, dende o BNG anunciaron que van solicitar acceso a todos os rexistros de xornada dende o 27 de agosto para comprobar o número de efectivos real no servizo de bombeiros cos que contou a cidade durante o último trimestre.
“Temos que seguir insistindo en que Vigo sen bombeiros non é segura”, afirmou Igrexas, insistindo na urxencia de que o Goberno de Caballero poña en marcha “medidas estruturais e de fondo” que doten do persoal necesario ao servizo de bombeiros para atender unha cidade de 110 quilómetros cadrados e case 300 mil habitantes.