A fronte nacionalista esixe transparencia sobre o novo contrato do Sergas, por importe de 200 millóns en dous anos, e advirte de que a toma de control por parte da multinacional Vivalto Santé afonda no negocio coa saúde na área de Vigo
Montse Prado: “Todos os cartos que o Goberno galego destina á sanidade privada só serven para mellorar a conta de resultados das empresas e non a atención sanitaria”
Xabier P. Igrexas: “As 116.000 persoas adscritas a Povisa son hoxe reféns de empresas foráneas que teñen o hospital como fonte de lucro baixo este modelo privatizador do PP”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) alerta de que os recentes cambios anunciados na dirección do hospital privado Povisa van agravar a “precaria” atención sanitaria das 116.000 persoas adscritas a este centro na área de Vigo. A fronte nacionalista acusa á Xunta de complicidade con este empeoramento da asistencia sanitaria e demanda transparencia sobre o novo contrato do Sergas, asinado o pasado abril por importe de 200 millóns para os vindeiros dous anos.
“A día de hoxe aínda non coñecemos máis nada sobre o contido dese contrato”, criticou voceira parlamentar de Sanidade do BNG, Montse Prado, nunha rolda de prensa celebrada este xoves canda o portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas.
“Que ten que ocultar o PP para tanta opacidade?”, cuestionou a deputada nacionalista, advertindo da preocupación crecente diante das novidades neste hospital privado.
Prado advertiu de que a toma de control do centro por parte de Vivalto Santé “afonda” negocio coa saúde na área sanitaria de Vigo. “É evidente que esta multinacional busca o lucro e non ten ningún problema en chamar mercado á atención sanitaria de centos de miles de galegas e galegos”, afeou en relación a estes cambios no hospital xustificados pola empresa na necesidade de mellorar os seus resultados financeiros.
Dende o Bloque trasladaron tamén a súa preocupación polas informacións que alertan de déficit de profesionais en Povisa. Entre eles, denunciaron que o cento tivo xornadas cun só cardiólogo, cando a norma estabelece un mínimo de tres, ou a chegada cada fin de semana de profesionais doutras partes do Estado para realizar intervencións puntuais que, posteriormente, non contan co seguimento adecuado a xuízo das nacionalistas.
Prado avanzou novas iniciativas no Parlamento galego para reclamar transparencia sobre o novo contrato con Povisa e tamén para esixir garantías de que o aumento dun 17% a respecto do anterior convenio vai destinado a mellorar calidade asistencial e do persoal sanitario. “Todos os cartos que o Goberno galego destina agora mesmo á sanidade privada só serven para mellorar a conta de resultados das empresas”, criticou.
“Reféns da multinacional”
De por parte, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, considerou que as últimas decisións empresariais en Povisa, unidas á “clandestinidade” da Xunta sobre o novo contrato, converten ás 116.000 persoas adscritas ao centro privado en “reféns” da busca de lucro da multinacional coa “complicidade” do PP na Xunta e do seu modelo co que “castiga” a área sanitaria.
Igrexas reiterou a necesidade de rectificar a “anomalía” dos contratos con Povisa e que toda a poboación da área sexa atendida en centros públicos. “Non podemos consentir unha atención sanitaria de segunda nin tampouco a precariedade laboral subvencionada con millóns de euros de diñeiro público”, demandou o voceiro municipal do BNG. “Este modelo insiste en reducir o dereito á saúde de todas e todos en apenas negocio para as empresas amigas do PP”, remachou.Unha complicidade que, a xuízo de Igrexas, quedou en evidencia despois de que o PP elixira como nova presidenta a Luísa Sánchez, quen foi directora financeira de Povisa durante 30 anos.