HomeVigoNigránO BNG califica de tomadura de pelo o sendeiro "accesible" na praia...

O BNG califica de tomadura de pelo o sendeiro “accesible” na praia de Mogor

- Anuncio -spot_img

Davinia Lojo critica que a accesibilidade reclamada polo BNG en todas as praias, co obxectivo de garantir o acceso á auga a persoas con mobilidade reducida, se limitase á instalación dunha pasarela en Mogor, que considera perigosa e non funcional. Lamenta tamén a falta de mantemento noutras infraestruturas, como a pasarela de acceso á praia de Portocelo.

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) considera inadmisible a forma na que o goberno municipal do PP deu resposta á moción aprobada en maio para mellorar a accesibilidade nas praias de Marín. A proposta, que xa fora presentada polo BNG o ano pasado sen obter resposta, volveuse levar ao pleno este ano e foi finalmente aprobada por unanimidade, comprometéndose o executivo local a comezar as actuacións na praia de Mogor.

Con todo, o BNG considera que o resultado da intervención “é unha tomadura de pelo”. A formación nacionalista pon en dúbida que algún membro do goberno municipal comprobase o resultado da instalación, xa que calquera persoa que se achegue á praia de Mogor pode ver que a pasarela representa un perigo para as persoas usuarias.

A concelleira Davinia Lojo denuncia que a pasarela foi colocada xunto a un regato de auga, xerando un desnivel que fai imposible o acceso á auga a calquera persoa que se desprace en cadeira de rodas. Ademais, debido á súa ubicación, a auga arrastra a area e deixa parte da estrutura suspendida no aire, sen base, o que a converte nun elemento inaccesible.

A isto súmase que os ancoraxes situados ao final da pasarela sobresaen varios centímetros sobre o terreo, o que supón un risco evidente de tropezos para quen camiña pola beira da praia.

Desde o BNG critícase tamén a declaración do PP asegurando que “este ano Mogor substitúe a Portocelo como praia accesible”. Para Lojo, esta afirmación evidencia a falta de sensibilidade do goberno de María Ramallo para avanzar cara a unha accesibilidade real nos espazos públicos.

A formación lembra que a accesibilidade universal é a condición que deben cumprir os entornos, procesos, bens, produtos e servizos para que todas as persoas poidan facer uso deles en condicións de seguridade, comodidade e autonomía. Segundo o BNG, “as actuacións que vén realizando o goberno do PP nas praias de Marín están moi lonxe de acadar esa accesibilidade”.

Critican, ademais, o estado da senda de acceso á praia de Portocelo, que se atopa en situación de abandono por falta de mantemento. “Resulta difícil de entender que se espere á chegada do verán para decidir a súa rehabilitación”, apuntan.

En canto á pasarela instalada en Mogor, desde o BNG insisten en que “non ten nada que ver coa proposta aprobada”, que incluía a instalación de pasarelas fixas de material antiescorregadizo e con zona de sombra reservada para persoas con mobilidade reducida.

O grupo municipal nacionalista convida á alcaldesa e ás concelleiras e concelleiros do PP a que se acheguen á praia para comprobar por eles mesmos o resultado da intervención. “E se xa o fixeron, que consulten con algunha persoa con mobilidade reducida se esta senda lles permite acceder á praia con seguridade”, conclúe Davinia Lojo.

Publicacións Relacionadas