Despois de que o alcalde accidental, Marcos Guisasola, confirmase que a aula ía trasladarse á sede da Confraría de Pescadores mentres se reforma o Edificio de Usos Múltiples, dun día para outro o señor Telmo Martín decide pechar suprimir un servizo como o da Biblioteca, o que demostra a súa incapacidade de organización e xestión
O Bloque lembra que a Aula de Estudo é unha demanda que se fixo realidade grazas á insistencia dos nacionalistas e insta ao Goberno local a que aclare que vai acontecer coa traballadora responsable da Biblioteca nestes meses
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo critica os “bandazos e a improvisación continua” pola que se caracteriza a xestión de Telmo Martín e do seu equipo de Goberno. Un novo exemplo desta ineficacia é o acontecido co traslado temporal da Aula de Estudo de Portonovo, como consecuencia da reforma que se está a acometer no Edificio de Usos Múltiples. O Concello anunciou hai uns días o peche da actividade da Biblioteca municipal para poder acoller a aula mentres duren as obras, unha medida que para o único que serve é para deixar patente una nova ‘chapuza’ do Partido Popular.
Lembran os nacionalistas que hai varias semanas que o Goberno local anunciou que a Aula de Estudo trasladaríase de xeito temporal á sede da Confraría de Pescadores, na rúa Rafael Picó. Ademais de facelo público, o alcalde accidental, Marcos Guisasola, confirmoullo a este grupo, ao dar resposta por escrito á pregunta formulada no último Pleno ordinario sobre onde se ía habilitar este servizo mentres durase a reforma do Usos Múltiples. En concreto, o alcalde accidental confirmaba que para acoller a Aula de Estudo íase facer uso da planta superior da sede do pósito, ante o cal xa se realizaran as xestións oportunas para acadar unha cesión de 6 meses, garantindo así o servizo. “Sen ningún tipo de explicación, dun día para outro o Goberno local esquécese da Confraría e forza o peche da Biblioteca de Portonovo para acoller a aula.
Nin Marcos Guisasola como alcalde accidental nin Telmo Martín foron quen de atopar unha solución que garanta o funcionamento de ambos servizos, que son igualmente importantes para a nosa veciñanza”, critican desde o Bloque.
O grupo da oposición advirte de que son xa varios os usuarios e usuarias que deron traslado do seu malestar por este peche, que se fai efectivo a partires de hoxe luns. Unhas críticas que van máis alá do noso concello, logo de que a Ascociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia (Bamad Galicia) tamén presentase por rexistro no Consistorio unha instancia reclamando a reapertura da Biblioteca de Portonovo. “O mal facer de Telmo Martín deixa en moi mal lugar a Sanxenxo máis alá do noso municipio”, lamenta o Bloque. Por se todo isto non fose suficiente, a Aula de Estudo permaneceu pechada durante tres días a pasada semana. “O proxecto de reforma do Edificio de Usos Múltiples coñecíase desde hai tempo, pero nin sequera así o Goberno do Partido Popular foi quen de organizarse e dar una resposta axeitada. Agora, atopámonos con que a única solución para o alcalde é pechar unha biblioteca que diariamente conta cunha actividade moi importante, sendo un dos principais centros neurálxicos de Portonovo. Esta situación era perfectamente evitable cun mínimo de capacidade de xestión”.
O BNG tamén esixe ao Goberno municipal do Partido Popular que aclare que vai suceder nestes meses coa traballadora municipal encargada da Biblioteca de Portonovo. Os nacionalistas lembran que a creación da Aula de Estudo foi unha demanda veciñal que se fixo realidade despois das peticións realizadas, en varias ocasións, polo Bloque. “Para nós é unha prioridade apostar pola cultura e tamén por achegar facilidades aos e ás estudantes, pero queda claro que para Telmo Martín calquera destes servizos é totalmente prescindible”.



